Un equipo internacional identifica 51 rexións xenómicas responsables da severidade da COVID-19

por Redacción Galicia

 A plataforma internacional ‘Host Genetic Initiative’ na que participa o consorcio SCOURGE, coordinado polo catedrático da USC Ángel Carracedo, acaba de identificar 51 rexións do xenoma responsables de que se padeza COVID-19 cunha maior severidade. O artigo que acaba de ver a luz na revista Nature conforma unha actualización do mapa xenético xa publicado en 2021 e é froito do estudo de 219.692 casos procedentes de tres millóns de controis. No consorcio SCOURGE participan investigadores do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CIMUS), do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), da Fundación de Medicina Xenómica e de servizos hospitalarios do SERGAS, entre outros.

O estudo subliña que abordar os factores xenéticos que inflúen na COVID-19 contribúe á compresión das causas biolóxicas subxacentes, de tal xeito que se poidan predicir posibles efectos adversos, así como explorar a potencialidade de novos fármacos. A nova versión do mapa supón un incremento de 28 rexións xenómicas con respecto ao estudo precedente.

“A severidade da COVID-19 vén determinada nun 50% pola xenética e noutro 50% por factores ambientais, por iso é tan importante o achado que acabamos de facer coa actualización deste mapa”, sinala o profesor Carracedo. “Identificar este medio cento de rexións xenómicas permítenos non só entender mellor a enfermidade, senón tamén avanzar na definición de novas dianas terapéuticas e na medicina personalizada, alén de ser unha peza clave na predición do risco da enfermidade”, engade o catedrático da USC. 

O equipo estudou tres fenotipos —a expresión do xenotipo en función dun determinado ambiente— a través de 82 estudos de 35 países, entre os que se inclúen 36 estudos relativos a individuos de ascendencia non europea. O incremento no número de rexións xenómicas detectadas contribúe a identificar as tres vías biolóxicas máis relevantes involucradas na severidade da patoloxía. Así poden mapearse xenes que inciden na entrada viral, na defensa das vías respiratorias a través da mucosidade e no Interferón Tipo I, proteína segregada polas células anfitrioas como resposta á presenza de diversos patóxenos.

Fumar e enfermidade renal

O estudo tamén evidencia que o hábito de fumar, así como o número de cigarros por día, atópanse vinculados coa gravidade e cos fenotipos de susceptibilidade. “Fumar asociouse causalmente cun maior risco de COVID-19”, subliña o artigo, así como a enfermidade renal crónica “o que suxire que mellorar a función renal podería ser beneficioso para un menor risco de gravidade da COVID-19”.

Estudos previos

Xa en maio de 2023, o grupo de Medicina Xenómica identificara novos xenes responsables da severidade da COVID. O devandito estudo detectara 49 rexións xenómicas asociadas nas que se estudaron as posibilidades de novas terapias con novos modelos de análises e atopáronse dianas terapéuticas de moito interese.

“Aínda que algúns consorcios, como o noso, atopara moitos xenes involucrados na severidade da COVID-19, neste caso sumáronse todos os esforzos de todos os consorcios internacionais que traballan na COVID-19, nun esforzo colaborativo sen precedentes, que permite ter un mapa xenético moi completo da predisposición á severidade da COVID-19 e das comorbilidades asociadas. Agora cómpre centrar os nosos esforzos en entender a COVID persistente así como estudar mais poboacións non europeas”, conclúe o profesor Carracedo.

 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario