O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, foi reelixido por unanimidade Presidente do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento nunha sesión extraordinaria do Pleno da entidade, celebrada na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos.
Neste pleno tamén tomaron posesión a Deputada Pilar García Porto e o Vicepresidente, Efrén Castro Caloto, en representación da institución provincial. Ademais, formarán parte do Consorcio aqueles concellos da provincia que contan con parques de bombeiros. Hoxe asistiron polo Concello de Barreiros o tenente de Alcaldesa, Antonio Veiga; o primeiro tenente de Alcaldesa de Viveiro, Jesús Fernández; a rexedora de Vilalba, Elba Veleiro; e o rexedor de Chantada, Manuel Varela.
Pola súa parte, continúan os representantes da Xunta de Galicia, como Vicepresidente do Consorcio o Director Xeral de Emerxencia e Interior, Santiago Villanueva, e como membros o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o Subdirector Xeral de Seguridade e Coordinación, Andrés Iglesias.
Estes cargos de presidencia e vicepresidencia renóvanse cada vez que cambian os cargos dalgunha das administracións consorciadas. Neste caso, como consecuencia da celebración de eleccións municipais renóvanse os da Deputación e os dos concellos.
Nesta sesión tamén se acordou unha modificación do Orzamento de 1.058.852€ para a adquisición dun vehículo de altura que permita contar cun de reposición, e tamén para facer fronte ao incremento do custo das subministracións e servizos, así como para ter crédito para afrontar reparacións extraordinarias na maquinaria.