Besteiro anuncia unha convención política aberta da que sairá o proxecto dunha «Galicia plural e orgullosa»

por Redacción Galicia

José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, anunciou este sábado que os socialistas galegos celebrarán unha Convención Política aberta con máis de 1.000 participantes da que sairá o proxecto dunha “Galicia plural e orgullosa do que somos”.

O candidato á presidencia da Xunta lanzou este evento co que culminará “un proceso no que estamos imbuídos todos os socialistas galegos”, un proceso de escoita que está a facer o partido e o candidato “cun percorrido por toda Galicia”. Besteiro fixo este anuncio ante os medios logo da Comisión Executiva Nacional Galega celebrada con protección policial ante os ataques violentos a moitas sedes do partido esta última semana.

Na Convención Política dos socialistas galegos “pensando por e para o país” reuniranse entre o 16 de 17 de decembro máis de 1.000 participantes entre os distintos paneis da mesma, sendo 600 deles representantes do partido e arredor de 400 deles de “institucións, entidades, colectivos, persoas individuais, profesionais”.

Besteiro asegura que “toda a sociedade galega estará representada nese proceso de interiorizar esas demandas, esas necesidades e procesalas nesa programación política para os vindeiros meses”. Ademais, remarcou que abrirán unha canle directa coa cidadanía, previa á convención, para que todos e todas se sintan incluídos.

O líder dos socialistas galegos destacou que a convención “recollerá unha mensaxe política na que se verá reflectida a Galicia do futuro que os socialistas queremos, unha Galicia emprendedora, aberta plural, sustentable e sobre todo, orgullosa do que somos e do que podemos facer”, alegou.

“AOS GALEGOS NON NOS GUSTAN OS PIRÓMANOS”

O candidato socialista para presidir a Xunta tamén anunciou que a Executiva Nacional do PSdeG, reunida de forma urxente, aprobou unha declaración oficial “de solidariedade” para amosar o seu “apoio sen fisuras” aos compañeiros das agrupacións atacadas nas últimas semanas e fixo un “chamamento a que cese calquera tipo de comportamento violento contra as sedes do Partido Socialista”. Lembrou que en Galicia xa foron denunciados ataques ás casas do pobo de Lugo, Ferrol, Pontevedra, Cangas, Santiago, Vigo e Vimianzo.

Por iso, Besteiro denunciou que “Rueda perdeu unha oportunidade histórica de repeler dunha forma expresa e contundente estes actos”. E asegurou que “non o fixo, porque é ao que está xogando o Partido Popular en Galicia e en España, a alentar este tipo de manifestacións”. Denuncia que esta semana o propio PP sumouse e alentou as mesmas “actuando como verdadeiro pirómano desas manifestacións, e aos galegos e ás galegas non nos gustan os pirómanos”.

Considera que coa súa “ambigüidade”, Rueda “da a sensación de que apoia e alenta mirando para outro lado ese tipo de comportamentos”. Advertiulle que “aos galegos e ás galegas non nos gusta esa forma de facer política e eu estou convencido ademais de que aos votantes do PP tampouco lles gusta que o seu presidente faga esas cousas”.

“179 NÚMERO MÁXICO”

Gómez Besteiro sinalou que na Executiva tamén se analizou o relativo á investidura que se vai a celebrar a vindeira semana na que “por fin se da cumprimento ao que os españois, tamén os galegos e galegas, decidiron nas urnas o 23 de xullo”., alegou. Considera que a cidadanía deu “un mandato claro” de que non quería un goberno de PP e Vox, senón “un goberno distinto, diverso, plural”, para o que os socialistas seguiran na idea de “acordar para avanzar”.

“Ese é o mensaxe da sociedade española para constituír un novo goberno” que sexa “máis xusto máis moderno, máis equitativo e máis social”. Agarda que o novo executivo “siga a senda do que fixo os últimos catro anos, pero cun novo impulso para aumentar o SMI, aumentar e ampliar o sistema de pensións, contribuír á modernización do noso país, impulsar máis vivenda pública, impulsar o emprego xuvenil”, alegou.

Besteiro falou do “número máxico” que é o 179, “que son os deputados que van a votar a favor da investidura de Pedro Sánchez”. Recordou que esta cifra é superior aos apoios recibidos por Rajoy na investidura do 2016 e incluso polo socialista Rodríguez Zapatero no 2008.

Etiquetas
Comparte éste artículo
2 Comments