Néstor Rego defenderá no Congreso anular a concesión da AP-9, a supresión das peaxes e o impulso da transferencia a Galicia

por Redacción Galicia

“Non hai razóns para non transferir a AP-9, como non as hai para non finalizar a concesión e que pase a ser unha autoestrada galega e libre de portaxes” subliña Rego

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá a moción consecuencia da interpelación defendida a pasada semana e procurará o apoio da cámara baixa para instar o Goberno a anular a prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP-9 por un goberno do PP, a asunción da xestión directa da autoestrada, a supresión das peaxes e o impulso da transferencia a Galicia. Durante o vindeiro pleno do Congreso, a organización nacionalista levará unha reivindicación histórica e maioritaria na sociedade galega para pór fin á estafa legalizada que implican estas portaxes e conseguir, por fin, unha AP-9 galega e libre de peaxes.

Despois da interpelación urxente realizada polo deputado do BNG ao Ministro de Transporte en que Néstor Rego desmontou os argumentos de Puente  para negarse a rescatar a Autoestrada do Atlántico e transferila a Galicia, na próxima semana será debatida unha moción co mesmo obxectivo. Segundo sinalou Rego, pór punto final á concesión “é unha cuestión de vontade política, de xustiza e tamén da aplicación da legalidade ante o procedemento de infracción aberto pola Unión Europea pola ampliación do prazo na concesión”.

“O Goberno debe realizar de forma inmediata un estudo en que se exploren as vías xurídicas para a anulación da prórroga da concesión da Autoestrada do Atlántico e sexan avaliados os custos económicos que tería para o Estado a asunción da xestión directa da AP-9” reivindicará o deputado do BNG. O primeiro punto da moción, explica Rego, contraponse ao sinalado por Puente sobre os 4 000 millóns de euros que custaría o rescate da Autoestrada do Atlántico porque esta cantidade non parte dun estudo serio e fiábel nin de datos contrastados. De facto, existen outras estimacións que sitúan que o custo sería moito menor, de entre 2 e 3 000 millóns de euros e Rego lembra que o Goberno reservou un crédito de 2 300M€ até 2048 para custear as bonificacións.

O deputado do BNG demandará tamén o apoio da cámara baixa para instar o Goberno a anular a prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP-9 que deu inicio o 18 de agosto de 2023 e asumir a xestión directa da autoestrada e a supresión das peaxes. A concesión inicial desta infraestrutura, lembra Rego, rematou en 2013 mais, con todo, un goberno do PSOE de González e outro do PP de Aznar fixeron novas prórrogas: “a primeira, de 10 anos e a segunda de 25, até 2048” denuncia.

“Lograr este obxectivo na actualidade está perfectamente xustificado se consideramos que, segundo a Comisión Europea, as prórrogas nas concesións foron adoptadas de forma irregular, polo que se podería declarar a nulidade da concesión actual” argumenta o deputado do BNG. Así, no ano 2021 a Unión Europea abriu un expediente de infracción ao Estado español por considerar que as prórrogas da AP-9 se produciron de forma ilegal ao non cumpriren o principio de concorrencia competitiva. Máis recentemente, neste mesmo ano, a UE abre un novo expediente de infracción ao Estado español polo mesmo motivo. Existen, por outra parte, precedentes de casos similares que foron xa resoltos anulando a concesión.

“O mantemento das portaxes na AP-9 representa non só un castigo para todos os galegos e galegas senón unha clara discriminación coa Galiza. Os galegos e galegas estamos pagando inxustamente as portaxes na AP-9, cando menos, desde o 18 de agosto de 2023. Non queremos seguir pagando máis” xustifica Néstor Rego.

Transferencia da infraestrutura a Galicia

Lembrando o mapa que Néstor Rego lle prestou ao Ministro de Transporte onde se vía claramente que a Autoestrada do Atlántico “non é unha vía internacional”, a frente nacionalista exixirá, dunha vez por todas, a transferencia á Galiza da AP-9. O manido argumento empregado por Puente, lembra o deputado do BNG, xa foi empregado por outros responsábeis políticos mais “os mapas non menten”.

Nese mesmo pleno, sinala o deputado nacionalista, tamén se debaterá e se votará a toma en consideración da Proposición de Lei para a transferencia da Autoestrada do Atlántico a Galicia, iniciativa que emana do Parlamento co apoio de todas as forzas políticas que teñen representación na cámara galega.

Comparte éste artículo
2 Comments