Dous videoxogos creados no Campus Industrial da UDC conseguen premios na sexta edición da feira IndieDevDay de Barcelona

por Redacción Galicia

“Quack Time Event” e “Avy, fábulas da noite”, dous videoxogos nados como traballo final do máster en Diseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría da Universidade da Coruña (EPEF), veñen de gañar cadanseu premio na sexta edición da feira IndieDevDay que tivo lugar esta fin de semana en La Farga de Llobregat (Barcelona).

“Quack Time Event”, un videoxogo de plataformas e quebracabezas en primeira persoa ambientado nun templo en ruínas de onde o xogador ou xogadora ten que saír botando man dos poderes espazo-temporais que lle concede un Deus representado por un pato de Goma,  acadou o Premio ao Mellor Proxecto Académico. O publico asistente e o xurado puido probar o videoxogo no stand da Universidade da Coruña onde tamén se amosaron outros dous proxectos levados a cabo durante os dous últimos cursos académicos no Campus Industrial de Ferrol, “A Bot To The Top” e “After Juice”. Detrás de “Quack Time Event” están Dominik Konrad Kwiek, María Santalla Martínez, Santiago Adrio Nieto, Antón Yáñez Souto, Carlos González Nieto, Manuel Pérez Parada, Adrián Iglesias Adrover e Patricia Couceiro Rebollo.

“Avy, fábulas da noite”, un videoxogo de plataformas, puzzles e aventuras no que o xogador ou xogadora se achega a un mundo de xoguete onde non todo é o que parece, conseguiu o Premio ao Videoxogo máis Cuqui. Este proxecto naceu tamén no seo do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos hai xa case tres anos e contou con stand propio na IndieDevDay de Barcelona. Actualmente, forman parte do equipo de traballo Sergio García Álvarez, Juan García Álvarez, Alicia Puentes Arnoso, Mónica García Arranz e Diego Pérez Ramos.

A feira do videoxogo independente máis grande de España

En pouco máis de cinco anos, a IndieDevDay pasou de ser un pequeno encontro de estudos independentes no Triangle de Barcelona a converterse no maior evento indie a nivel nacional reunindo na edición de 2022, no Casinet Cotxeres, a máis de 4.300 participantes. Este ano, o evento ampliou a súa duración a tres días e trasladouse a un espazo moito maior, La Farga, en Hospitalet de Llobregat, con 8.500 metros cadrados.

Outra das novidades máis salientables desta edición foron os IndieDevDay Awards ao mellor xogo de universidade ou centro de estudos. Ademais da Universidade da Coruña, participaron tanto no evento como no concurso a Escola de Arte e Superior de Deseño Deiá, a Escola Pía Granollers, a Escola de Noves Tecnologies Interactives da Universitat de Barcelona, a Escola Frame Games, o TecnoCampus da Universitat Pompeu Fabra, o Centre de Formació Creatiu i Técnic Sabadell, a Escola de Deseño e Artes Visuais LCI Barcelona, o Centre de la Imatge i la Tecnologia Multimèdia da Universitat Politècnica de Catalunya e FX Animation.

Foto portada: “Quack Time Event”, un videxogo creado como traballo final do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), acada o Premio ao Mellor Proxecto Académico na categoría de Universidades e Centros de Estudos na IndieDevDay de Barcelona

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario