Inés Rey destaca, no inicio do curso escolar, o investimento municipal en melloras nos centros educativos

por Redacción A Coruña

O Concello preparará xunto aos centros un informe das súas necesidades para trasladarlle á Xunta

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou esta mañá o CEIP Manuel Murguía de Feáns, no inicio do curso escolar 2023-2024. A rexedora estivo acompañada pola concelleira da área de Benestar Social, Yoya Neira, e polo concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego.

O CEIP Manuel Murguía foi un dos centros educativos nos que se levaron a cabo melloras e tarefas de mantemento durante este verán, ao renovarse o chan das aulas de Educación Infantil. O Concello executou 135 actuacións durante os meses de xullo e agosto. Sumadas ás 1.840 incidencias resoltas durante o período lectivo, no último ano houbo case 2.000 intervencións municipais en centros da cidade.

Todas as actuacións foron coordinadas cos propios centros en función das súas necesidades. A maioría das que se programaron durante o verán corresponden a actuación de maior dificultade que non se puideron executar durante o curso escolar. Os traballos non se centraron só nas aulas e diferentes salas dos colexios, senón que se revisaron e renovaron as áreas de xogo que se precisou e se actuou no conxunto do recinto en centros como o CEIP María Pita.

Inés Rey sinalou que unha parte destas obras corresponden a actuacións que exceden as competencias municipais, xa que os centros educativos son de titularidade da Xunta de Galicia. “Imos a preparar, en colaboración cos centros, un informe con todas as necesidades dos colexios para trasladarlle á Xunta e que atenda os centros da cidade adecuadamente”, apuntou Inés Rey.

O Goberno municipal destinou desde 2019 máis de 2,5 millóns de euros en actuacións en centros educativos. Rey lembrou tamén que o Concello tivo que facer fronte á factura Covid- 19 con fondos propios, malia que a Xunta recibiu diñeiro do Goberno de España para facer fronte á crise.

Novo programa de lecer educativo e actividades extraescolares

Por outra banda, o Concello fará este ano un investimento de 424.000 euros no programa de lecer educativo e actividades extraescolares elaborado en colaboración coa Federación Provincial de Centros Públicos da Coruña. Esta proposta conta con numerosas actividades para facilitar a conciliación da vida laboral, social e familiar.

Estes programas ofrecen propostas fóra do horario lectivo para un ocio activo e de calidadecon contidos tamén culturais e formativos. Os nenos e as nenas terán un amplo abano de experiencias, que lles permitirán completar o seu desenvolvemento integral como persoa, dentro dun colectivo e nun ambiente distendido, socializador e integrador dende tres ámbitos: deportivo, artístico-cultural e idiomas.

Os centros educativos xa dispoñen de toda a información para as familias. “O noso compromiso cos centros educativos e cos pais e nais das nosas crianzas é máximo e así o reflicte esta completa programación extraescolar”, sinala Inés Rey.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario