Haberá un pase con cinco películas ás 19.30 horas, ao que seguirá un encontro con dúas das realizadoras das curtametraxes, e unha sesión máis con 4 filmes, ás 21.30 horas
Seguen as proxeccións da «Sección Oficial» do FICBUEU. Nove curtametraxes das 28 que compiten por entrar no palmarés da 16ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu poderán verse mañá na pantalla do Auditorio do Centro Social do Mar.
A primeira das sesións cinematográficas, que comezará ás 19.30 horas, reunirá cinco películas: a curta 45th Parallel, do xordano Lawrence Abu Hamdan e producida no Reino Unido; Airhostess-747, do grego Thanasis Neofotistos; a cinta de animación nominada aos Oscar The Flying Sailor, das realizadoras canadenses Amanda Forbis e Wendy Tilby; Aqueronte, do sevillano Manuel Muñoz Rivas; e Daphne, de Tonia Mishiali, de Chipre.
A realizadora chipriota participará nun coloquio que se celebrará tras as proxeccións (21.00 horas), no que estará acompañada por María Royo, axudante de dirección e xefa de produción en Aqueronte, a representante española neste grupo de curtas a concurso.
Segunda sesión
A segunda sesión de películas comezará despois, a partir das 21.30 horas. O FICBUEU presentará catro curtametraxes máis, entre as que figura unha galega, Alicia fai cousas, do realizador de Marín (Pontevedra) Ángel Santos. Estreada este mesmo ano, multipremiada no festival porriñés de Cans, conta a historia dunha moza de 25 anos convencida de que está aburrida e mentres se prepara para unha audición pensa se debería apuntarse a algún curso ou se vai ou non a unha festa.
O programa da noite complétano Will my parents come to see me, do somalí Mo Harawe; O outro extremo da rúa, do director húngaro Kálmán Nagy, e a cinta de animación Ice Merchants, coa que o realizador portugués Joao Gonzalez gañou no Festival de Cannes e foi nomeado aos Oscar.
Cinema e radio
Mañá chegará tamén a segunda entrega do espazo «Cinema e Radio», que se prolongará ata o venres. O xornalista especializado en cinema David Martos trasladarase ata o FICBUEU para realizar en directo, dende as 18.00 horas, un novo episodio do podcast Kinótico, que se emite en Onda Cero e que é un dos programas de referencia no sector. A entrada é libre.