CCOO denuncia a situación «inadmisible» na residencia DomusVi de Monforte de Lemos e anuncia mobilizacións

por Redacción Lugo

 Comisións Obreiras (CCOO) denuncia a situación «inadmisible» da residencia DomusVi de Monforte de Lemos, situada na rúa Morín. Malia que os problemas veñen de atrás, intensificáronse coa nova dirección, sinala o sindicato. Nos últimos días producíronse despedimentos de traballadoras nun centro en que CCOO xa viña alertando de falta de persoal e dunha «desorbitada» carga de traballo.

Outro dos problemas que advirte o sindicato é o cambio de funcións das traballadoras, que supón «un risco» tanto para as persoas usuarias como para as profesionais. É o caso, por exemplo, dos residentes con gran dependencia, que precisan ser atendidos por dúas xerocultoras para erguelos e asealos, labor que agora deberá realizar unha soa.

O mesmo acontece coa administración da medicación, que non entra nas funcións deste colectivo a non ser que estea supervisado polo persoal de enfermaría, «e non é o caso». Atenderen as funcións propias e as engadidas provoca que moitas veces non se cumpran as pautas de administración ou pase o tempo necesario entre cada toma de medicación.

Recortes

Desde CCOO tamén queren poñer en coñecemento da poboación en xeral e das familias a carestía que se está a ver no centro da rúa Morín e a deterioración da calidade asistencial. «Falta de roupa de cama, colchóns en mal estado, así como recortes en hidratación ou alimentación», apunta o sindicato.

Mobilizacións

Aos problemas organizativos súmanse as vulneracións de dereitos laborais. «A día de hoxe non temos calendario laboral, carteleiras anuais ou o cómputo das horas extras», sinala CCOO, ao tempo que lembra que «sempre se informou a dirección por escrito» sobre os dereitos do persoal.

Por todo isto, desde o sindicato sinalan que «non quedaremos de brazos cruzados». Por este motivo, «ademais das medidas legais que xa tomamos», anuncian próximas mobilizacións ás que desexan que se unan a poboación e as familias. «Precisamos apoio para concienciar sobre a situación que se vive neste sector, tan vulnerable e con condicións tan precarias, que o día de mañá precisaremos todas e todos», conclúe CCOO.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario