As Organizacións Sindicais con representación na Mesa Sectorial de Sanidade —CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UGT— veñen de esixir á Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS a retirada inmediata do documento “Liñas de actuación de RRHH en Atención Primaria. Medidas”, presentado na reunión da Mesa Sectorial do 17 de outubro, por consideralo insuficiente, improvisado e carente de contido real.
As OOSS lembran que solicitaron a convocatoria dunha Mesa Sectorial para abordar cuestións fundamentais como o Plan de Ordenación de Recursos Humanos da Atención Primaria e o modelo asistencial dos sábados pola mañá, mais o documento presentado polo SERGAS non responde ás demandas sindicais nin aos problemas estruturais do sistema.
A situación da Atención Primaria en Galicia é crítica. O SERGAS non pode seguir improvisando nin agochando a falta de planificación detrás de documentos baleiros. O persoal da sanidade pública e a cidadanía merecen unha resposta seria e inmediata.
As OOSS con representación na Mesa Sectorial veñen de enviar á Consellería de Sanidade un documento en común que recolle os seguintes puntos:
- Que se proceda á retirada progresiva da categoría de FEAP e se elabore un plan de reconversión das prazas actuais de FEAP en prazas de médica/o de familia, garantindo a continuidade laboral das persoas afectadas e a cohesión do modelo asistencial de Atención Primaria.
- Que se nos fagan chegar os datos desagregados por cada centro de saúde e PAC, que permitan unha análise obxectiva da situación real da Atención Primaria.
- Que a Consellería de Sanidade presente propostas concretas de actuación, diferenciando medidas a curto, medio e longo prazo, de forma clara e desenvolvida.
- Que se faga unha análise das ratios de persoal existente por categorías nos distintos centros en relación ao grao de desenvolvemento das competencias e das carteiras de servizos, para abordar no Plan de Ordenación de RRHH o número de profesionais necesarios/as para a posta en marcha das carteiras de servizos en todos os centros.
- Que se aborde a situación do persoal da área administrativa de atención primaria, analizando as cargas de traballo existentes e se doten do persoal necesario.
- Que se implementen as categorías profesionais necesarias para prestar unha asistencia sanitaria de calidade á poboación, é dicir, sen demoras.
- Que se desenvolva o concurso específico da especialidade de enfermaría familiar e comunitaria, e se negocie un plan plurianual de reconversión de prazas xerais de enfermeiro/a en prazas de enfermeiro/a especialista, tanto de familia como de pediatría, na atención primaria.