“Remontando Monelos: revivindo o río da Coruña” consistirá nun roteiro polo río coruñés, conducido pola enxeñeira e coordinadora do Proyecto Monelos River Revival, Amal Nnechachi, acompañada da recreación histórica do grupo teatral Cajón de Sastre
O X Festival Mar de Mares xa quenta motores. Aínda que a maioría da ambiciosa programación desta edición desenvolverase na Coruña a partir do 21 de setembro e ata o día 24, xa poderemos gozar de actividades previas como “Remontando Monelos: revivindo o río da Coruña”, programada para este sábado, 16 de setembro, na que redescubriremos o río coruñés por excelencia: o Monelos.
A enxeñeira e coordinadora do Proxecto Monelos River Revival, Amal Nnechachi, e a agrupación teatral Cajón de Sastre serán os encargados de guiar aos asistentes a redescubrir a cidade da Coruña seguindo o antigo leito do río Monelos. Un roteiro cunha interesante recreación histórica que terá lugar este sábado en horario de mañá, de 11.00 a 13.00 horas, e de tarde, de 18.00 a 20.00 horas; e repetirase o vindeiro sábado 23 de setembro nos mesmos horarios. Que non o vexamos non significa que non estea. O río Monelos, canalizado por completo no seu percorrido urbano ata a desembocadura no peirao de San Diego, foi durante séculos lugar de comercio, lecer e socialización. Partindo do mar, remontando o seu curso, o percorrido amosará aos participantes aqueles elementos urbanos que demostran que o Monelos, aínda que oculto, foi e segue sendo parte fundamental da vida na cidade.
A acollida da actividade por parte do público foi un éxito rotundo, esgotando en poucos días as entradas dispoñibles. Aínda que as prazas para participar na actividade están completas, todas aquelas persoas interesadas poden apuntarse na lista de espera activa na propia plataforma de venda de entradas, por se houbera algunha cancelación.
Outra das actividades desta décima edición do Festival Mar de Mares da que xa se pode gozar é a exposición “Ser cetáceo. O abraiante inverno do animal de fondo”, instalada na Fnac Plaza de Lugo, na que coñecer as características e costumes destes animais, pero tamén a relación do ser humano con estes xigantes mariños ao longo da historia. Para vivir o mar dunha forma diferente, nas Biblioteca Municipais pódese atopar un punto de interese con todo tipo de libros sobre os océanos.
O Festival Mar de Mares regresa á Coruña para festexar a súa décima edición. Baixo o lema “ O mar é futuro” o evento contará cun ambicioso programa cargado de ecoloxía, activismo, ciencia, cultura e unha ampla oferta de lecer e gastronomía para concienciar á cidadanía sobre a vital importancia dos océanos e o compromiso coa súa preservación de cara a un futuro máis sostible para todos.