Os actores Quico Cadaval e María Barcala e o dúo musical Paraíso Canto serán os artistas convidados
O público asistente que se achegue este próximo martes, 19 de setembro, ás 20.30 ao Teatro Rosalía Castro da Coruña poderá desfrutar dunha nova edición de Lúas de Outono, a homenaxe anual a Manuel María que organiza a Fundación que leva o nome do escritor. Será a décimo cuarta edición e virá protagonizada pola música, o humor e a poesía da man de Quico Cadaval, María Barcala e Paraíso Canto.
As Lúas de Outono é unha celebración cultural arredor da obra e figura de Manuel María e, neste ano, tamén haberá un oco para a figura de Saleta, a compañeira do escritor durante 45 anos, quen faleceu hai xustamente un ano. O escritor viviu na cidade da Coruña nos últimos anos da súa vida, en concreto desde que se xubilou, establecéndose no barrio de Monte Alto. Por tanto, foi A Coruña o lugar que el escolleu para vivir e tamén foi o lugar onde faleceu. A súa presenza deixou unha grande pegada na nosa cidade. Sen dúbida que é neste acto de homenaxe anual realizado na proximidade da data do seu falecemento en que se manifesta e se renova o cariño que o público en xeral, e os seus lectores/as en particular, lle profesaban. A magnífica receptividade do público nas edicións anteriores así o ten constatado até o punto de converter as Lúas de Outono nun referente cultural da cidade da Coruña.
O espectáculo comezará co deleite da propia obra de Manuel María a través da recitado dos seus versos por parte dunha das máis salientábeis e recoñecidas actrices do teatro galego, María Barcala. María, xunto a Xúlio Lago, conforma Teatro do Noroeste, compañía con máis de trinta e cinco producións desde 1985, realizando xiras por toda a península e participado en numerosos festivais nacionais e internacionais, presentando os seus espectáculos sempre en lingua galega. Precisamente o último e exitoso traballo da compañía, Libre como os paxaros, onde susténtase no recitado dos versos de Rosalía de Castro.
Tras a interpretación dos poemas de Manuel María, subirá ao escenario Paraíso Canto, unha proposta musical que parte do canto tradicional galego e que procura un son persoal con arranxos propios experimentando, tamén, con outras sonoridades do mundo, así como co jazz. Este dúo confórmano a persoal e expresiva voz de Gabi Reboredo, que xunto ao latir dos seus pandeiros é acompañada con gusto e delicadeza polos clarinetes baixo e soprano e máis polo acordeón cromático de Martiño Malleiro.
Por último, o contador de historias Quico Cadaval desenvolverá un espectáculo onde mesturará a narración tradicional, a épica escénica e o cabaret literario provocando, con certeza, o gozo e o sorriso dos presentes. Cadaval, impulsor da narración oral na Galiza e participante habitual dos máis sonados festivais internacionais de contadores, exerce, alén diso, de maneira salientábel a interpretación teatral, a creación e a dirección de obras. Na actualidade é o director da obra premiada na IIIª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, O auto do Castromil, de Excéntricas Producións que está a xirar, nestes momentos, por distintas localidades galegas.
A entrada para este espectáculo, que conta coa axuda e a colaboración da Deputación da Coruña e o Concello da Coruña, é gratuíta mais é necesario reservar o billete en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. No caso de sobrar billetes, poranse unha hora antes do inicio do espectáculo diante da billeteira do Teatro Rosalía.