O consumo de gas fósil aumentou o 47,4% e o de produtos petrolíferos diminuíu só o 14,4%
Segundo os datos máis recentes divulgados polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta (1), o consumo galego de combustibles fósiles baixou o 31,2% entre 2016 e 2021. A razón principal foi a caída abrupta do uso do carbón na xeración eléctrica por causa da suba do prezo do dióxido de carbono (CO2) no mercado europeo de emisións. O carbón acabará por desaparecer da produción eléctrica galega este mesmo ano, en canto pechar a central de carbón das Pontes (Endesa).
O afundimento do uso de carbón (-93,6%) foi o único avance importante rexistrado nos últimos anos na redución do noso consumo de combustibles fósiles, a principal causa das emisións galegas de gases de invernadoiro causantes de cambio climático. Como se reclama na Acción polo Clima convocada entre hoxe e o próximo domingo en todo mundo para acabar cos combustibles fósiles, cómpre unha descarbonización rápida, xusta e definitiva. Para contribuírmos ao cumprimento do Acordo de París, o uso de enerxía fósil en Galicia e no resto da UE debería decrecer de forma continuada até acabar en 2040 (2).
Táboa. Consumo de combustibles fósiles en Galicia (en ktep, miles de toneladas equivalentes de petróleo).
Ano | Carbón | Produtos petrolíferos | Gas fósil | Total |
2016 | 2.395 | 2.764 | 1.310 | 6.469 |
2017 | 2.583 | 2.744 | 1.562 | 6.889 |
2018 | 2.476 | 2.782 | 1.385 | 6.643 |
2019 | 588 | 2.810 | 1.862 | 5.260 |
2020 | 368 | 2.287 | 1.556 | 4.211 |
2021 | 154 | 2.366 | 1.931 | 4.451 |
O consumo de produtos petrolíferos tamén diminuíu entre 2016 e 2021, mais fíxoo tan só no 14,4%, a pesar de que 2021 tamén estivo marcado en parte polas restricións de mobilidade derivadas da COVID-19. O maior descenso relativo rexistrouse na produción de electricidade (-35,3%) e o menor na xeración de calor (-3%) . De se manter o lento ritmo actual de descenso chegaríamos a 2040 cun consumo galego de produtos petrolíferos tan só inferior nun 45% ao presente.
Moito máis preocupante aínda é o incremento de 47,4% no uso enerxético de gas fósil. O maior aumento tivo lugar na produción eléctrica (84,8%), na que o gas fósil, tamén chamado gas natural, substituíu parcialmente o carbón. O gas é o combustible fósil máis empregado hoxe en Galicia tanto na xeración eléctrica como na de calor.
O noso consumo de combustibles fósiles diminuíu en todos os usos entre 2016 e 2021 agás na obtención de calor, onde aumentou o 14,1%. A baixada concentrouse na xeración eléctrica (-58,6%), por mor sobre todo do colapso do carbón, que foi de lonxe a principal causa da redución do 31,6% nas emisións totais galegas de gases de invernadoiro en 2021 con respecto a 2016 (3).
O transporte substituíu a produción eléctrica como o maior consumidor de combustibles fósiles en Galicia, acaparando o 34,3% do total en 2021. A xeración de electricidade diminuíu a súa participación no consumo desde o 50% en 2016 ao 30,1% en 2021, superando só un pouco a demanda fósil para xeración de calor, hoxe no 28,2%. O sector primario require actualmente o 7,4% restante do consumo galego de combustibles fósiles (4)
A xuízo do Observatorio Galego para a Acción Climática (OGACLI), para diminuír rapidamente o consumo de produtos petrolíferos e de gas fósil en Galicia son chaves dúas accións a desenvolver simultaneamente: 1) a redución do consumo enerxético e 2) un sistema eléctrico 100% renovábel antes de 2030 e o aumento da electrificación do consumo de enerxía.