O músico de referencia no folk galego, destacado intérprete de varios instrumentos de corda e cofundador do grupo Berrogüetto, volve con forza ao panorama musical cun disco composto por catro suits instrumentais
Vigo ou Granada foron algunhas das cidades nas que Quico Comesaña presentou nestes últimos meses o seu primeiro traballo en solitario: “Mãe” . Esta grandiosa obra, que vén de recibir excelentes críticas, está composta por catro suits instrumentais onde varias melodías actúan como nexo entre elas, debido a que van aparecendo cada certo tempo sobre diferentes harmonías, ambientes e texturas. A Coruña será a próxima cidade en descubrila.
O traballo presentarase o 22 de setembro no Teatro Rosalía da cidade herculina e neste enlace pódese acceder á compra das entradas para o concerto.
Como explica o propio artista, “Mãe” é unha homenaxe ao universo feminino e as loas que recibiu con este disco dan fe da súa calidade: “Extraterrestre, extraordinario, maxistral, cegador, inmenso…”
Con esta obra, Quico Comesaña volve con forza ao panorama musical. O músico de referencia no folk galego, destacado intérprete de varios instrumentos de corda e cofundador do grupo Berrogüetto, co que tivo un nomeamento aos Grammy Latinos en 2002, resultou un dos grandes gañadores dos prestixiosos premios Martín Códax da Música.
Nesta xira de presentación de “Mãe” que terá A Coruña como escenario o próximo 22 de setembro, Comesaña volve aos escenarios tras 8 anos de ausencia e está acompañado por unha banda integrada por Carmen Gallego (violín e nyckelharpa), Marcos Padrón (acordeón), Paula Oanes (arpa céltica) e Leandro Deltell (percusións). Él toca a guitarra acústica.
Lembranzas dun neno mesturadas entre a realidade e a fantasía
“Mãe” é unha obra conceptual onde cada suit, cunha duración aproximada de dez minutos, ten unha temática que vira ao redor da defensa e o respecto pola natureza, na cal se expoñen diferentes lugares, vivencias, momentos… Lembranzas dun neno mesturadas entre a realidade e a fantasía que perduraron na memoria, transformándose co tempo, e onde a natureza e a ciencia son protagonistas. Unha obra impresionante que non deixará indiferente a ninguén.
Quico Comesaña é un músico moi recoñecido na escena musical de Galicia, como integrante de grupos referentes como ‘Armeguin’ (1985 a 1993 e 3 discos), ‘Fía na roca’ (1992 a 1995 e 1 disco), ‘Uxía grupo’ (1994 a 1996 e 1 disco) e o máis coñecido, ‘Berrogüetto’ (1996 a 2014 e 6 discos), ademais de realizar diferentes colaboracións como compositor e arreglista para outros proxectos.