O BNG propón aparcadoiros disuasorios para resolver os problemas de mobilidade dos traballadores do polígono de Agrela

por Redacción A Coruña

A concelleira do BNG Avia Veira mantivo esta mañá unha reunión, diante do estadio Agrela 1 Rodrigo Vizoso, con traballadoras e traballadores do Polígono de Agrela para abordar os problemas de mobilidade (a falta de prazas de aparcamento, as insuficiencias do transporte público urbano) que sofren a diario

“Estamos aquí respondendo a unha demanda de traballadoras e traballadores do propio polígono que denuncian os graves problemas que teñen á hora de se desprazaren aos seus postos de traballo”, indicou Avia Veira nun encontro cos medios.

Eses problemas de mobilidade condicionan, “e moito”, o propio acceso aos traballos. “Hai anos que vimos denunciando que se non tes un vehículo privado non podes vir traballar ao Polígono de Agrela. E tal e como están os prezos dos automóbeis, dos combustíbeis e dos seguros, non todo o mundo se pode permitir o luxo de ter un coche”, remarca Veira.

A concelleira partillou coas traballadoras e traballadores tres propostas concretas para enfrontar estes problemas de mobilidade.

“A primeira proposta é a habilitación de aparcadoiros disuasorios no polígono para aquelas persoas, por exemplo da comarca, que se vexan obrigadas a viren en vehículo privado. A segunda é que eses aparcadoiros estean ben conectados con transporte público. Unha liña de buses que debe pasar por eles cada cinco minutos co obxectivo de trasladar as e os traballadores aos seus traballos”, relatou.

A terceira proposta é a de pór en valor a infraestrutura ferroviaria, os camiños de ferro, que existen no polígono, no marco dunha futura posta en marcha dun tren de proximidade na cidade e comarca.

“Vimos aquí a darlle solucións aos problemas que nos formulan as e os traballadores. Estas propostas desde logo habémolas trasladar ao Pleno”, indicou.

Cómpre tamén, enfatizou, e unha vez que se reduza sensibelmente o tráfico de automóbeis, traballar na mobilidade peonil e ciclábel e garantir boas condicións de visibilidade en todo momento no polígono. “Hai traballadoras que saen dos seus traballos ás 22 horas e que se senten inseguras pola falta dunha iluminación adecuada. E ás veces teñen que ir de pé durante longos traxectos até o lugar onde tiveron que aparcar o seu automóvil”, refire Veira.

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario