Guerra en naftalina. Por @DulceCorcu

por Dulce Corcu

Parece incrible que Alfonso Guerra fose un día un destacado político socialista con mando en praza, porque hoxe se por algo destaca é por rancio, machista e extemporáneo. Claro que incrible tamén resulta que o paseen por televisións e tertulias coa única fin de criticar ao goberno do seu propio partido, ou para atacar ás mulleres con comentarios coma o desta mañá sobre Yolanda Díaz nun programa de máxima audiencia, onde dicía da ministra e líder de «Sumar» que pasaba o día -máis ou menos- de perruquería en perruquería.

Desmerecer ás mulleres que triunfan nos seus traballos foi sempre o labor deses homes acomplexados que temen verse relegados por algunha delas. Empregar o seu físico é un dos xeitos máis habituais para facelo, ou acusalas de medrar en base a favores sexuais coma leva toda unha lexislatura escoitando Irene Montero, incluso de cargos electos coma aquel alcalde dunha vila de Cuenca que dixo que tiña a boca chea de chagas de «chupársela al Coletas». Non consta nin que dimitira nin o fixeran dimitir. Un expedientiño de cara á galería e a recolocarse noutro lugar. É máis, hai quen aplaude e o atopa gracioso. Susanna Griso, a presentadora que entrevistaba a Alfonso Guerra tamén botou a súa gargallada en directo mentres desprezaba a Yolanda Díaz. Para que despois digan da sororidade feminina. Cando nin sequera se reproban esas actitudes, parece milagre que pretendamos que as novas xeracións se eduquen lonxe dun machismo que se recrudece no canto de retroceder. Así o din as corenta e oito mulleres asasinadas nestes nove meses, unha cifra que non se acadaba desde 2.019 e que será superada sen dúbida no que aínda queda ata final de ano. Nada é inocente, ningún comentario machista merece a risa, o aplauso nin quedar impune. Porque se o sufrimos nós, o que non queremos é que acaben por sufrilo tamén as que veñen detrás. Que non teñan que prender a televisión e escoitar a un vello carcamal botando abaixo unha loita na que tantas quedaron polo camiño, nin a doutras que nunca chegarán máis lonxe por culpa dunha sociedade aínda mergullada nesa naftalina machista na que somos obxectos sexuais e imos á perruquería. Non se acabou, por mais que o digamos….Pero estamos niso!

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario