Ecoloxistras en Acción Galiza “Atlántica e Verde” apoia a concentración de mañá domingo na Praza de María Pita

por Redacción Galicia

Na tempada 2021/22 matáronse 18.397 xabariles, e na 2022/23 estímase que se sobrepasaron os 19.000. A presión cinexética sobre o xabaril é enorme e non da resultados. Parece que canto máis se caza maiores son os problemas debidos a grupos desestruturados, cambios de hábitos e a variacións no apareamento.

Máis animais abatidos significa que se cazan mais, non necesariamente un aumento de individuos, como recoñecen algúns cazadores. O presidente da Federación de caza de Pontevedra expuxo na TVG que a presencia de xabariles nas cidades non obedecía ao aumento na súa poboación. Débese máis ben á busca de refuxio e a cambios de hábitos.

Non hai censos obxectivos e independentes das asociacións de cazadores, non hai plan de xestión da especie onde se fixen cupos máximos de capturas segundo idade, sexo, matriarcas.

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural utiliza o incremento no número de avisos por danos para xustificar a declaración de emerxencia cinexética. Hai que ter en conta que este número pode ser superior ao real; posto que os titulares dos tecor poden pedir caza por danos, non é preceptivo a comprobación destes, e os animais abatidos non teñen que ser computados na cota anual de capturas do tecor. É dicir unha caza ao marxe da planificación, vixilancia e control.

As medidas implementadas nas declaracións de emerxencia cinexética, moitas delas prohibidas na actual lei de caza, coa extensión da caza a tódolos días da semana, supoñen un risco moito maior de accidentes de caza e de tráfico para toda a poboación. Ademais estas medidas non teñen en conta e anulan os plans de aproveitamento cinexético, cuxa finalidade é o equilibrio entre o aproveitamento e a conservación das especies cinexéticas.

Despois do fracaso, constatado ao longo de anos, das medidas adoptadas pola Xunta, consideramos necesario un Plan de Xestión para o xabaril baseado nun censo obxectivo e rigoroso e un control da poboación mediante un método ético, científico e eficaz.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario