O BNG de Baleira defende a necesidade dun Alcalde con dedicación exclusiva para impulsar unha nova etapa de xestión municipal

O responsable local do BNG de Baleira, Manuel Vázquez, considera que o Concello precisa un alcalde con dedicación exclusiva, centrado na planificación, na busca de investimentos e no impulso dos proxectos necesarios para construír o futuro de Baleira.

“Baleira necesita un alcalde que se dedique plenamente ao Concello, que planifique, xestione e estea sempre pendente das necesidades da veciñanza. Un alcalde con presenza diaria, capacidade de diálogo e compromiso para aproveitar todas as oportunidades”, sinala Manuel Vázquez.

Entre as prioridades para esta nova etapa están a mellora do abastecemento de auga, o arranxo e mantemento das pistas municipais, a rehabilitación do polideportivo do Cádavo —unha instalación fundamental para os nenos e nenas do CEIP Concepción López Rey— e a solución dos problemas dos puntos de recollida de plásticos agrícolas.

O responsable do BNG destaca tamén a necesidade de impulsar un concello con máis actividade e máis oportunidades, reforzando a programación cultural, creando propostas para atraer visitantes, potenciando o polígono industrial e dándolle un novo pulo á feira mensual como elemento de dinamización económica e social.

“Baleira ten recursos, ten xente e ten futuro. Precisamos abrir unha nova etapa, cun Concello próximo, con iniciativa e capacidade de xestión; un goberno que escoite á veciñanza, planifique e traballe todos os días para conseguir máis servizos e máis oportunidades”, conclúe Manuel Vázquez.

Comparte éste artículo
No hay comentarios