O Concello da Laracha mellora a estrada no Cruceiro Novo da parroquia de Lendo

por Redacción A Coruña

Renóvase a superficie de rodadura, auméntase a seguridade viaria e protéxese o cruceiro existente colocando no seu perímetro un pavimento diferenciador.

O Concello da Laracha ten en fase de execución un proxecto de mellora da rede viaria que afecta a tres zonas da parroquia de Lendo.

O punto de intervención actual é o núcleo de O Cruceiro Novo, onde está a ser renovado o pavimento desde a estrada do Igrexario ata a explanada do cemiterio, incluíndo a limpeza das cunetas, o acondicionamento dos bordes da calzada e a mellora da canalización das augas pluviais.

Como medidas de seguridade será instalada unha bionda debido ao desnivel existente entre a vía e os terreos lindeiros, e completaranse os traballos coa sinalización horizontal e vertical. Ademais, o cruceiro existente na parte inicial do camiño será protexido colocando no seu perímetro un pavimento diferenciador en lousas de granito.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Patrimonio, Urbanismo e Obras Públicas, Pablo Cambón, desprazáronse ata O Cruceiro Novo para reunirse co director da obra e coñecer o resultado das actuacións que se están a realizar.

Este proxecto tamén contempla intervencións de mellora da superficie de rodadura dos vehículos e limpeza das cunetas nas estradas dos núcleos de O Canle e Samiráns.

O orzamento total alcanza os 70.000 euros e está incluído no programa provincial POS+.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario