O deputado do BNG reprocha a Feixóo que “veña aquí a desenvolver unha escenificación para consumo interno. Non conte co voto do BNG para iso”.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, reprochou a Feijóo a ausencia de Galicia no seu discurso de investidura e que “mencionase as reivindicacións de todas as CCAA, unha a unha, excepto da Galiza. É indignante, vergoñento”.
“Para Galiza, nada de nada”, censurou o deputado do BNG, quen evidenciou a discriminación do noso País na intervención do candidato do PP ao explicitar compromisos con todas as outras Comunidades Autónomas. “Ten que ser o BNG quen fale das necesidades dos galegos e das galegas”, enfatizou. Recriminoulle que “veña aquí a desenvolver unha escenificación fundamentalmente para consumo interno porque no obxectivo da investidura xa fracasou. Para iso co voto do BNG non conte”.
Rego cualificou o discurso de Feijóo de onte de “populista e hipócrita” e engadiu que “non ten credibilidade”. Deixou claro o voto contrario do BNG á súa investidura, “isto non colle a ninguén por sorpresa, mais, hoxe aquí o importante é o por que”.
O BNG desmonta Feijóo e o PP
Ironizou coas apelacións do PP de Galiza ao voto do BNG en base “a contar cun Presidente galego do Goberno español”. Subliñou que “xa temos a experiencia dun Presidente galego”, en referencia aos Gobernos de Rajoy, quen “baixou o investimento ao noso País, pasando de máis de 2000 millóns en 2010, a 936 en 2018. “Para iso serviu ter durante 7 anos a Rajoy de Presidente”, indicou.
Para alén das políticas de recortes e antisociais “que causaron maior desigualdade”, subliñou o rescate á banca con diñeiro público, a conxelación dos salarios dos empregados públicos e das pensións, a dura reforma laboral de 2012, que “infelizmente non foi derrogada polo actual Goberno nos aspectos máis regresivos” como elementos máis significativos do último goberno do PP. Así mesmo, salientou a “involución democrática” que supuxo a Lei Mordaza.
Por tanto, recalcou, “ser galego, sendo da dereita rancia do PP non só non é garantía de nada para a Galiza, senón máis ben certeza de políticas antigalegas. Non teño dúbidas de que se vostede fose elixido non vacilaría en aplicar medidas contrarias aos intereses do noso País, como tampouco vacilaron nunca os deputados e deputadas galegas do PP en votar en contra dos intereses de Galiza cando o PP goberna en Madrid”.
“Sabemos cal é o seu legado de 13 anos na Galiza”
En relación aos 13 anos de Goberno de Feixóo na Xunta, o deputado do BNG afirmou que “nós coñecemos ben as súas políticas porque as padecemos. Sabemos cal é o seu legado”, salientando os efectos máis negativos dos mandatos de Feixóo: “deixou un País en 2022 peor do que atopou en 2009, máis empobrecido, máis envellecido, máis precarizado”.
Neste sentido, puxo de manifesto a sangría demográfica, 105.00 habitantes menos entre 2009 e 2022. 375.000 persoas emigraron por “falta de oportunidades laborais”. Destacou as “nefastas políticas económicas” que provocaron o fechamento de numerosas empresas, explotacións agrarias e despezamento de barcos e a perda de máis de 40.000 empregos. Sen esquecer, puntualizou, que “triplicou a débeda pública da Galiza. En 2008 era de 3.954m, e en 2022 atinxiu os 11.314m.”
No eido social, Rego lembroulle a Feixóo que non fixo “nin unha soa residencia en 13 anos, porque prefire que as empresas amigas do PP fagan negocio como DOMUS VI, involucrada en mala praxe durante a pandemia e que vostede se negou a investigar. Xa ten algo máis en común con Ayuso”.
O parlamentar do BNG explicou os retallamentos no ensino público co fechamento de 138 centros públicos e o incremento de dotacións para o ensino privado, “mesmo escolas que segregan por sexo”. “Recortou na sanidade pública para engordar o negocio da privada”, citando o Cunqueiro. Deteriorou a Atención Primaria “á que negou 200 millóns como propuña o BNG”. Censurou que Feixóo falase de fiscalidade xusta cando o PP “acaba de certificar un pelotazo fiscal aos 7000 máis ricos aos que agasalla 34 millóns”.
Debullou as políticas de maltrato ao noso idioma que “lonxe de avanzar na normalización, perdeu falantes nos últimos 15 anos”, e mencionou as consecuencias regresivas do decreto de Plurilingüismo. Asemade, nada aportou Feixóo en relación co autogoberno, “o seu papel foi nefasto: 0 competencias, 0 transferencias en 13 anos. E aínda dirá que é autonomista”.
O PP opúxose e oponse a calquera avance social
A todas estas razóns, Néstor Rego engadiu que “o PP opúxose e oponse a calquera avance social e de dereitos”, en alusión á lei do aborto, do divorcio, do matrimonio igualitario, á eutanasia, á liberdade sexual ou benestar animal, entre outros.
Réplica. Feijóo continúa sen asumir compromisos para Galiza
Na súa réplica ao BNG, Feixóo eludiu toda resposta ás cuestións de fondo formuladas por Rego en relación ás políticas do PP no Goberno central e na Xunta. En ningún momento entrou a falar das necesidades da Galiza ou comprometerse coas súas demandas. Limitouse a tirar dos clásicos argumentos baseados nos votos e escanos, exhibindo os 13 deputados galegos no Congreso e 14 senadores. Ao que Rego lle espetou: “Que conseguiron os deputados do PP no Congreso en todos estes anos?. Cero”.
Feixóo reprochou o traballo do BNG en defensa da integración de Ferrol no Eixo Atlántico ao que Rego respondeu “vostedes gobernaron 7 anos. Aí ten a que foi Ministra de Fomento, Ana Pastor. Pregúntelle a ela por que non incluiu a Ferrol no Eixo atlántico”.
Néstor Rego reprochoulle que na súa intervención “amosase dúas veces o apoio á industria vasca, e ningunha preocupación pola industria galega”. No que atinxe á lingua, cuestión na que Feixóo se orgullou da “cordialidade lingüística”, Rego fixo valer a participación de 100.000 persoas na manifestación de Queremos Galego en 2010, “fíxese, para vostede xuntar tanta xente en equivalencia á poboación na praza madrileña do outro día, tería que reunir 1 millón de persoas, e reuniu 40 ou 60 mil. Repare se hai descontento coa pol´ticia lingüística do PP na Galiza”.
Contrastou o cuestionamento de Feixóo da labor do BNG con dados: “Di que o BNG é irrelevante, cando se está a rexenerar a Ría do Burgo, electrificar a vía ferroviaria en Ourense, e conseguimos rebaixar as portaxes da AP-9 nun 50%”, lembrándolle que foi un Presidente do PP, Aznar, o que aumentou a concesión da AP-9 até 2048.
Néstor Rego díxolle a Feixóo que “deixe de facer demagoxia” e “deixe de botar aos demáis a culpa da súa mala xestión”. E concluiu afirmando que “nas próximas elecións galegas Ana Pontón estará na Xunta e as súas políticas fóra”.