Ecoloxistas concéntranse en Noia contra as tentativas de intimidación da empresa mineira de San Finx. (Vídeo)

por Redacción Galicia

Esta mañá a Plataforma comarcal contra as verteduras das Minas de San Fins organizou unha concentración ante os Xulgados de Noia para mostrar a súa absoluta repulsa ante as denuncias falsas e infundadas presentadas pola empresa mineira contra Ecoloxistas en Acción, como parte dunha campaña de acoso xudicial que pretende silenciar as protestas.

A concentración celebrouse no momento no que o director facultativo da mina Iván Losada estaba chamado a comparecer ante os Xulgados para ratificar a denuncia presentada por Tungsten San Finx en relación a por un acto simbólico realizado o pasado 5 de xullo no que se taponou durante breves instantes o tubo a través do que a empresa realiza vertidos ilegais. Precisamente a raíz desta protesta e dos escritos remitidos a Augas de Galicia por ese colectivo e a Plataforma, vense de iniciar un procedemento sancionador que podería carrexar unha sanción de ata 300.000 euros á empresa, logo de comprobarse que os niveis de cadmio no río a poucos metros do tubo taponado superan 78 veces o máximo legal permitido

Na vista tamén estivo presente o avogado de Ecoloxistas en Acción, que pediu ante a xuíza instrutora o arquivo da causa e a imposición de costas á empresa, lembrando que esta ven facendo uso sistemático de denuncias falsas. Xa en 2017 interpuxera denuncias similares contra outras dúas organizacións ecoloxistas logo de que estas alertaran á administración de ilegalidades cometidas pola empresa.

Para Ecoloxistas en Acción, «isto non é máis do que unha tentativa desesperada da empresa de calarnos a través dunha acción xudicial contra a participación pública», coñecidas como «SLAPP» en inglés. Por este mesmo motivo, puxeron o caso en coñecemento da Relatora Especial das Nacións Unidas sobre a situación das persoas defensoras de dereitos humanos, a irlandesa Mary Lawlor, que abriu un procedemento e trasladará os feitos á Embaixada de España ante a ONU en Xenebra.

Paralización do vertido

Durante a concentración, os portavoces da Plataforma, Joám Evans e Rogelio Santos, tamén cargaron contra Xunta demandando que paralice o bombeo de case mil millóns de litros de augas contaminadas con metais pesados que irían a parar á ría de Muros e Noia, a tan só 7 km da mina. Lembrando que a autorización de vertidos foi ilegal de por si, indicaron que os reiterados incumprimentos de prazos pola empresa é motivo máis que suficiente para dar carpetazo a un proxecto que carece de avaliación de impacto ambiental e que causará enormes prexuízos ás millares de familias que dependen do marisqueo na comarca.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario