O ciclo, que terá lugar entre o 26 de setembro e o 7 de outubro, pretende recoñecer medio século de loitas ecoloxistas en Galiza e sementar novas vontades de compromiso para o futuro.
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), organización decana e de referencia do ecoloxismo galego, celebra o seu medio século de traxectoria cun ciclo de actividades en Santiago de Compostela entre o 26 de setembro e o 7 de outubro. O programa, desenvolvido en colaboración co Concello de Santiago, pretende achegar á veciñanza compostelá e ao conxunto da cidadanía galega a historia e os retos presentes e futuros do movemento ecoloxista galego.
O ciclo arrancará este venres ás 12:00 horas no Paseo da Alameda coa inauguración da exposición itinerante “50 anos coidando a terra”, unha mostra exterior composta por paneis e elementos simbólicos que percorren a historia do movemento ecoloxista e da propia asociación. Tras o acto de apertura, ao que están convidadas as institucións colaboradoras, Concello de Santiago e Deputación da Coruña, terá lugar unha visita guiada pola mostra da man de ADEGA.
Xa pola tarde, o Centro Sociocultural do Ensanche acollerá a proxección do documental “A terra por gañar”(18:00 h) e unha mesa redonda baixo o título “ADEGA, unha historia de compromiso coa terra” (19:30 h), na que nomes de referencia na organización como Ramón Varela, Manolo Soto ou María Lafuente repasarán o labor desenvolvido por ADEGA ao longo de cinco décadas de activismo e educación ambiental.
8 días de actividades en Compostela
A programación continuará con diversas propostas que se desenvolverán en diferentes espazos da cidade:
- Luns, 29 de setembro: obradoiro de reciclaxe no Centro Sociocultural Fontiñas (17:00 h).
- Martes 30 set: visitas á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) en Aríns (11:00 h) e á exposición da Alameda (16:30 h).
- Mércores 1 de outubro: proxección do documental “A terra por gañar” (18:00 h) e mesa redonda “O movemento social compostelán na defensa da terra” (19:30 h), na Casa das Asociacións de Cornes.
- Xoves 2 out: roteiro polo monte Pedroso “Refuxios de vida e lendas” (16:30 h).
- Venres 3 out: instalación da exposición no IES Xelmírez I (12:00 h) e proxección-coloquio de “A terra por gañar” no Centro Sociocultural Santa Marta (19:30 h).
- Luns 6 out: descuberta de biodiversidade nas charcas do Pedroso (16:30 h).
- Martes 7 out: inspección do Proxecto Ríos no Sarela (16:30 h).
O obradoiro de reciclaxe, a visita á EDAR, a descuberta de biodiversidade, o roteiro e a inspección no Sarela precisan de inscrición previa a través do seguinte formulario: bit.ly/50anos_compostela
Ao tempo, a exposición tamén percorrerá diferentes centros de ensino de Compostela, co obxectivo de achegar ás novas xeracións unha parte fundamental da memoria ambiental de Galiza. En concreto, estará no IES Xelmírez I (do 3 ao 10 de outubro); no IES Xelmírez II (do 20 ao 24 de outubro); e no IES de Sar (do 24 de outubro ao 5 de novembro).
Cos ollos postos no futuro
Así pois, a través de obradoiros, proxeccións, roteiros e debates, ADEGA quere facer partícipe á cidadanía compostelá e galega da celebración do seu 50 aniversario, cun convite a reflexionar sobre os retos ambientais que enfrontamos como sociedade e sobre o papel chave que xogou e segue xogando o movemento ecoloxista no país. Este ciclo de actividades busca, en definitiva, recoñecer medio século de loita en defensa da terra e sementar novas vontades de compromiso e acción para o futuro.