Máis de 600 estudantes comezarán as clases de Grao Sénior nos campus da Coruña e Ferrol. Ademais, ofértanse cursos de posgrao, talleres e seminarios
A Universidade Sénior, o programa universitario para maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, iniciará o novo curso académico o vindeiro luns, día 2 de outubro, cunha inscrición de máis de mil trescentos alumnos e alumnas. As clases comezarán este luns nas sedes dos campus da Coruña, en Riazor, e Ferrol, en Esteiro.
O programa insignia, o Grao Sénior pola Universidade da Coruña, que ten unha duración de catro cursos académicos e impártese en ambas as sedes desde o ano 2001, contará coa participación de 600 estudantes, máis de 400 na Coruña e preto de 200 en Ferrol, no presente curso académico. Este programa abarca materias pertencentes a todas as ramas do coñecemento e será impartido por profesorado universitario nas aulas do edificio Normal, na Coruña; e no Edificio de Apoio ao Estudo, en Ferrol.
Para aqueles estudantes que xa completasen os catro cursos do Grao Sénior, a Universidade ofrece dous programas de formación específica de posgrao. Na Coruña, contan co programa “O Camiño de Santiago: Memoria, Cultura, Paisaxe e Xestión”, mentres que en Ferrol inaugurarán a primeira edición do programa “Historia, Ciencia e Sociedade”, con máis de 70 persoas inscritas en cada unha das sedes.
Así mesmo, a Sénior está a desenvolver, desde o ano 2018 en colaboración coa Xunta de Galicia, o programa de democratización do coñecemento, que se organiza en diversos concellos da provincia da Coruña para tratar de deslocalizar o coñecemento e facelo máis accesible. Con este programa as aulas universitarias chegan a localidades e comarcas que non contan con campus universitario. No ano 2023 realizáronse edicións locais na Costa da Morte, As Pontes de García Rodríguez e Ortigueira. Xa no presente curso, o día 25 de setembro deron comezo as clases no Concello de Betanzos, onde hai más de cen persoas matriculadas. No Concello de Arteixo, que conta con trinta persoas matriculadas, está previsto o inicio das clases o vindeiro día 9 de outubro no Centro Cívico Cultural da rúa Alcalde Baldomero González. En total, máis de 300 persoas están matriculadas neste programa nas súas distintas ubicacións.
Ademais, este ano o programa contará cunha nova sede, ao expandirase por primeira vez a Carballo, cun evento de presentación programado para o 4 de outubro. A partir desa data, a inscrición estará dispoñible tanto en liña como de maneira presencial no Concello de Carballo.
A inscrición a este programa de democratización do coñecemento é gratuíta e, ao igual que para o grao Sénior, non precisa de estudos previos.
A Universidade Sénior inclúe ademais un amplo catálogo de actividades complementarias que abarcan obradoiros, seminarios e conferencias, algúns dos cales están abertos ao público en xeral, nos que hai inscritas máis de 350 persoas. Por exemplo, no vindeiro mes de outubro levarán a cabo o evento “Outubro Saudable 2023”, que se centrará en temas relacionados coa saúde e o benestar.
A Universidade Sénior trata de dar resposta ás inquedanzas formativas daquelas persoas maiores de 50 anos que xa non están en activo, promovendo a aprendizaxe ao longo de toda a vida e contribuíndo a conseguir unha sociedade máis inclusiva e culta.