EU rexeita o uso de cámaras de videovixilancia no San Froilán

por Redacción Lugo

Cinco anos despois de «Lugo sen Mordazas«, Maite Ferreiro e Lara Méndez anuncian a contratación dunha empresa privada para a instalación de 12 cámaras de videovixilancia que grabarán imaxes das rúas durante o San Froilán. Un gasto de máis de 18.000 euros sen xustificación, porque o propio goberno municipal recoñeceu na presentación da iniciativa que no San Froilán apenas se producen incidentes e son unhas festas nas que destacan a concordia e a tranquilidade. Poñer cámaras é aínda máis inxustificado cando se establece un plan especial de seguridade que conta co despregamento de efectivos da Policía Local, Garda civil, Policía Nacional e Protección Civil.

Hai cinco anos, a concelleira Maite Ferreiro e o BNG formaban parte da plataforma «Lugo sen Mordazas» xunto a numerosos colectivos e organizacións da cidade. Desde «Lugo sen Mordazas» organizamos importantes mobilizacións contra a «Ordenanza Mordaza» e conseguimos parar unha norma que impulsaban os sectores máis conservadores da cidade e que pretendía criminalizar o uso do espazo público, recortando liberdades e dereitos das persoas e colectivos que o dinamizan. Cando desde as institucións o PSOE e o BNG fan políticas de dereitas contan, loxicamente, co beneplácito do Partido Popular e os mesmos sectores conservadores da cidade que impulsaban a «Ordenanza Mordaza», que xa piden que as cámaras se queden o resto do ano. Desde logo contan e contarán co rexeite de Esquerda Unida.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario