Antonio Ameijide confirmou que “estudaremos todas as accións posibles de forma conxunta cos veciños e concellos para defender aos usuarios da rede provincial e ás súas familias”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular mantiveron unha reunión cos representantes do Partido Popular dos municipios que contan cunha residencia da rede provincial da Deputación de Lugo co obxectivo de analizar o impacto da “desmesurada suba” das tarifas por parte de PSOE e BNG e coordinar unha resposta conxunta ante unha medida que está a provocar unha importante preocupación entre usuarios, familiares e veciñanza.
Durante o encontro, o voceiro provincial, Antonio Ameijide, deu conta do crecente malestar que existe nos municipios pola repercusión que terá este incremento sobre as persoas maiores e as súas familias. “As numerosas queixas recibidas nas últimas semanas evidencian que a decisión adoptada polo goberno provincial de PSOE e BNG non responde á realidade económica da provincia de Lugo”, afirmou.
Antonio Ameijide lembra que a actualización das tarifas supón un incremento de arredor do 60%, pasando os usuarios autónomos de aboar 1.080€/mes a 1.750€/mes, mentres que os usuarios dependentes deberán facer fronte a un custo de 2.200€/mes fronte aos 1.390€/mes que viñan pagando ata o de agora.
“Trátase dun incremento absolutamente desproporcionado e inasumible para moitas familias lucenses, especialmente nun territorio cunha poboación moi envellecida e cun nivel de pensións que figura entre os máis baixos de Galicia”, recordou.
Os deputados do Grupo Provincial Popular acordaron cos representantes populares de cada municipio coordinar unha estratexia común para impulsar distintas iniciativas encamiñadas a reclamar unha revisión inmediata das tarifas e a apertura dun proceso de diálogo que permita establecer uns prezos máis xustos e acordes coa capacidade económica das persoas usuarias.
Os populares subliñan que a finalidade da rede provincial de residencias debe ser garantir unha atención de calidade e facilitar o acceso aos maiores que precisan deste servizo, non dificultalo mediante incrementos que poñen en risco a economía de moitas familias.
Os deputados do Grupo Provincial Popular promoverán todas as iniciativas institucionais e políticas ao seu alcance para conseguir que a Deputación rectifique esta decisión e rebaixe unhas tarifas que consideran inasumibles para moitas familias lucenses.