«Contamos un ano máis coa colaboración dun sector que leva anos implicado na loita contra a violencia machista» explicou Rubén Arroxo
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto coa edil de Cultura, Maite Ferreiro, anunciaron as distintas iniciativas que poñerá en marcha a área de Cultura para loitar contra as agresións machistas durante o San Froilán 2023. Arroxo e Ferreiro mantiveron unha xuntanza con representantes da asociación de taxistas, que ano a ano colaboran coa área de Cultura durante as festas do San Froilan.
«Contaremos coa colaboración das e dos taxistas para evitar e atender casos de violencia machista» afirmou Rubén Arroxo e engadiu as e os taxistas contribuirán na prevención de situacións de acoso ou violencia machista e darán atención a posibles vítimas».
A área de Cultura habilita puntos violeta para que todas as persoas que o desexen poidan achegarse a recibir información ou comunicar calquera tipo de situación de acoso sexual. Prestará atención os días 4, 5, 6, 7, e 11 de outubro entre as 21:00 e as 02:00.
Maite Ferreiro, edil de Cultura, afirmou que «as violencias sexistas son moi variadas en relación aos ámbitos e espazos nos que se producen pero sabemos que en momentos como as noites do San Froilán é especialmente importante prestar atención e previr este tipo de situacións», e engadiu «desde o Goberno de Lugo traballamos durante as festas en concienciar e sensibilizar para erradicar as actitudes e comportamentos sexistas nos espazos de ocio, creando así espazos libres de agresións onde todos es todas poidamos gozar das festas con liberdade e tranquilidade».