En forma de moción asinada por Avia Veira
Apenas uns días despois de manter un encontro con traballadoras do polígono de Agrela, a concelleira do BNG Avia Veira rexistrou unha moción para abordar os problemas de mobilidade que sofren as miles de persoas que se ven obrigadas a se desprazar acotío a este parque empresarial.
A moción vaise debater no Pleno deste xoves e contén un feixe de medidas concretas que mellorarían moito a situación nun polígono mal comunicado por transporte público e con moi poucas prazas para estacionar os vehículos privados.
Así, Veira insta o Goberno Local a que se cree un aparcadoiro disuasorio na contorna do polígono e a que se articulen “unha ou varias liñas de autobús urbano específicas” que conecten a cidade con esta área industrial, ben como tamén a implantación dunha liña interna á propia Agrela “con frecuencias de cinco minutos” e boa conexión co aparcadoiro disuasorio.
O BNG propón tamén que se realice un estudo dos usos da vía do tren que percorre o polígono e que se mellore a iluminación para tornar máis segura a mobilidade a pé durante a noite, sendo que moitas traballadoras e traballadores teñen que realizar andainas de certa duración para ir desde os seus traballos até os lugares onde deixan estacionados os seus vehículos.
“Formulamos tamén deberes para a Xunta”, esclarece Veira. Deste xeito, a Administración galega debe pór en marcha “liñas específicas de transporte metropolitano para dar servizo ao polígono”.
“Desde o BNG”, recapitula Veira, “levamos tempo insistindo nas necesarias melloras na mobilidade deste parque empresarial. Teñen sido tamén reiteradas as intervencións reivindicando melloras neste eido verbalizadas pola representante da Asociación de Empresarios de Agrela nas sesións da Mesa por unha Mobilidade Sostíbel”.