O recorte de persoal do centro de saúde, un problema en Riotorto

por Redacción Lugo

O BNG de Riotorto propón a creación dunha comisión integrada por representantes do goberno municipal, grupos políticos e asociacións veciñais para facer fronte á supresión dunha praza de médico no centro de saúde

A formación nacionalista levará a proposta ao vindeiro pleno municipal – o 6 de outubro -, reclamando ao goberno local que asuma a responsabilidade de defender os servizos sanitarios públicos en Riotorto.

A formación nacionalista explica que «levamos máis dun ano cun só medico no centro de saúde, por unha baixa prolongada que a Xunta de Galicia non cubre, o que supón, de facto, a supresión dunha das dúas prazas de medicina familiar que lle corresponden a Riotorto».

En ausencia deste único profesional, explica o BNG,  «a súa praza tampouco se cubre de forma continuada, deixando o centro de saúde sen persoal médico, como sucedeu en decembro e xaneiro pasado e se repetiu algúns días deste verán».

A comisión proposta tería como obxectivo facer un seguimento da situación no centro de saúde e das consecuencias da carencia de persoal, e coordinar as accións institucionais e sociais para frear os recortes de persoal que a Xunta de Galicia ven impoñendo pola vía dos feitos.

«As institucións locais deben ser activas na defensa do dereito a unha atención sanitaria pública de calidade e proximidade. Máis no caso de concellos como o de Riotorto con moita poboación maior que demanda atención a domicilio e que ten dificultades de mobilidade», conclúe o BNG.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario