Sábado 7 de Outubro, desacaciamos en Lentille no Ribeiro

Vendima rematada. Adega governada. Na Asociación Veciñal de Lentille queremos estrear o outono cunha nova convocatoria das Brigadas.

O sábado 7 de Outubro botarémonos outra vez contra as mimosas, teimando nas frentes xa habituais e abrindo máis outra. Desta volta, desde as viñas de Detrás porfiaremos por abrir un corredor libre de acacia cara Názara para así seguirmos debilitando o cerco da mimosa á nosa aldea.

Para vos apuntardes é imprescindible (alén de estardes inscritos como brigadistas) remitir un email para avlentille@gmail.com até o 4 de Outubro a máis tardar, comprometendo asistencia e observancia destas instrucións:

O punto de encontro será o habitual no Souto e desde alí repartirémonos en grupos e endereitaremos cara as áreas de traballo. Teredes que estar alí ás 9:00 puntualmente.

Lembrade traer luvas de traballo, unha garrafiña pra reencherdes con auga e tamén os vosos próprios prato, vaso, culler e garfo, así como calzado axeitado e mesmo unha muda por se, ben por nos mollarmos ben por suarmos de mais, queredes estar máis cómodos á hora do xantar.

Traballamos en Lentille con varias accións desde 2018 https://www.verdegaia.org/wp/?s=lentille

___________________

As Brigadas Desucaliptizadoras son unha iniciativa da Asociación Ecoloxista Verdegaia que teñen como obxectivo mobilizar, organizar e coordenar persoas de todo o País con vontade de botarse ao monte para realizar accións de voluntariado ambiental en colaboración coas titulares de terreos con valores ambientais degradados ou ameazados pola eucaliptización e outras especies exóticas invasoras. Mediante a erradicación destas especies e a súa substitución por outras autóctonas de alto valor ecosistémico. As accións das Brigadas teñen como obxectivo que as zonas intervidas non volten a ser pasto do lume e que sirvan como zonas protectoras, actuando como cortalumes verdes e corredores de biodiversidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios