A Xunta entrega os diplomas aos alumnos do taller de emprego do Courel, Quiroga e Ribas de Sil

por Redacción Lugo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destaca que os participantes melloraron numerosas rúas dos tres concellos durante o ano de duración deste obradoiro dual, no que recibiron formación teórica e fixeron prácticas remuneradas

A Xunta de Galicia entregou hoxe os seus diplomas aos 20 alumnos traballadores que participaron durante un ano no obradoiro dual Sillor IX, financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 534.000 euros. A iniciativa foi promovida polo Concello de Folgoso do Courel asociado cos de Ribas de Sil e Quiroga.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou no acto de clausura, no que destacou que o alumnado formouse na especialidade de Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización.

Ademais dos contidos teóricos, adquiriron experiencia realizando prácticas remuneradas, durante as que se centraron especialmente na mellora do pavimento de numerosas rúas dos tres concellos, ademais de levar a cabo outros traballos como a dotación de mobiliario urbano en distintas zonas.

Arias destacou que o orzamento destinado a este obradoiro inclúe incentivos para a contratación de todos os participantes en empresas durante un mínimo de tres meses ao finalizar o ano de duración. Isto permitirá que o alumnado acceda a un emprego e continúe adquirindo experiencia.

“Os obradoiros son moi demandados polos concellos porque permiten conxugar a formación teórica coa práctica profesional, e realizan traballos que supoñen un aforro para as arcas municipais”, dixo Arias. Así mesmo, apuntou que proximamente poranse en marcha novos talleres de emprego financiados pola Xunta na provincia de Lugo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario