Comunicado de Ecoloxistas en Acción ante a guerra en Palestina desde unha perspectiva ecosocial

por Redacción Galicia

A violencia caracteriza o día a día da situación que vive o pobo palestino desde a creación do Estado de Israel. A alta militarización, o control da mobilidade, a discriminación e a limitación de dereitos fai que vivan nun réxime de ocupación e apartheid propiciado polo goberno israelí. De maneira progresiva, a poboación palestina viuse recluída e desprazada en cada vez menos territorio e cun escaso acceso aos recursos.

Desde hai anos o bloqueo en Gaza, que limita a entrada de subministracións básicas como a auga, fai que a maior parte da súa poboación viva nunha situación de pobreza extrema. Gaza é un cárcere deseñado para dous millóns de persoas. Desde a asimetría, toda a potencia do Estado sionista de Israel, co apoio dunha gran parte da comunidade internacional, fixo inviábel a existencia dun Estado palestino. A paz, a xustiza e o respecto ao dereito internacional na rexión só alcanzaranse mediante solucións pactadas que outorguen os mesmos dereitos para vivir en liberdade e dignidade a todas as persoas.

Tralos últimos ataques, o ministro de Defensa israelí anunciou o asedio total da Franxa de Gaza, ordenando o peche de calquera subministración de electricidade, gas ou alimentos. Estas declaracións son o recoñecemento público da súa intención de cometer crimes de guerra, aínda que xa se estiveron cometendo. Este castigo colectivo é ilegal e vai en contra do Dereito Internacional, que o prohibe expresamente, mentres protexe o envío de víveres.

Ecoloxistas en Acción esixe unha posición clara de condena e rexeitamento á ocupación israelí e á guerra por parte da comunidade internacional. A resposta da Unión Europea debe ser contundente e debe perseguir calquera crime que se cometa. Ademais, debe aumentar a axuda humanitaria para a sociedade civil, que se atopan baixo unha ameaza extrema. Débense intensificar todos os esforzos por lograr a paz. Con todo, os países europeos lonxe de apoiar unha saída pacífica están a se pór ao lado do estado opresor, que perpetua a ocupación.

No marco internacional, esta escalada está a producirse nun contexto de aumento do militarismo, a securitización e dunha volta a posicións claras de «política dura», onde os Estados se reforzan na ocupación e control do territorio e no control dos recursos.

Enfrontámonos a unha forte crise climática, ecosistémica, material e enerxética. As formas de enfrontar esa crise poliédrica poden ser moitas, desde o decrecemento no consumo material e enerxético dos territorios e as clases máis privilexiadas, e a repartición dos recursos; até a loita armada por eles. A última das opcións é claramente na que as clases populares teñen todo que perder. De todas as opcións de enfrontar a vixente crise sistémica, a guerra é a peor.

Dende Ecoloxistas en Acción apelamos a participar nas diferentes concentracións convocadas o luns 16 de outubro ás 20h nas diferentes localidades galegas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario