Máis de 2.300 persoas inscritas para a Carreira Popular do Ventorrillo

por Redacción Deportes

A proba, que forma parte do circuíto Coruña Corre, é a sexta e penúltima que percorre os barrios este ano

O circuíto de carreiras populares Coruña Corre regresa este domingo, 22 de outubro, coa IX Carreira Popular do Ventorrillo. Trátase da sexta proba desta décima edición e o prazo de inscricións pechouse o pasado domingo. Un total de 2.328 persoas poderán participar nesta carreira, a penúltima do ano nos barrios da cidade.

O Goberno de Inés Rey continúa apostando por este circuíto como un dos piares dos eventos deportivos da cidade. Por categorías, inscribíronse 1.137 persoas na proba absoluta, 64 na Sub18, 100 na Sub14, 156 na Sub12, 181 na Sub10 e 690 na proba de peques.

O circuíto de carreiras populares Coruña Corre afronta a súa última parte da tempada co obxectivo de fomentar a práctica deportiva en todos os barrios da cidade. A proba terá a súa saída e meta na rúa Alcalde Jaime Hervada, no cruzamento con Alcalde Salorio Suárez. Decorrerá cara as rúas Liaño Flores, Mosteiro de Caaveiro, Alcalde Salorio Suárez e Alcalde Jaime Hervada. Darase unha volta a este percorrido e posteriormente enfilarase pola rúa Ágora cara a rúa Gramela, Bens, Penamoa, Cances, Silva de Arriba e a meta, na rúa Alcalde Jaime Hervada. Durante o desenvolvemento da proba pecharase ao tráfico as vías citadas, que irán abríndose segundo pasen os últimos corredores, así como a saída de garaxes.

Por outra banda, quedará prohibido o estacionamento nas rúas Alcalde Jaime Hervada, Alcalde Peñamaría de Llano e Alcalde Salorio Suárez. O percorrido afectará á liña de bus 7, que continuará pola rolda de Outeiro e a avenida de Fisterra cara ao centro de saúde do Ventorrillo, e volverá reincorporarse á rolda de Outeiro pola rúa Alfredo Tella.

As persoas inscritas no circuíto Coruña Corre non precisan recoller un novo dorsal. Dita recollida, só para as persoas inscritas exclusivamente nesta proba, terá lugar o propio domingo 22, desde ás 9.00 horas e ata unha hora antes do comezo de cada carreira, na Asociación de Veciños do Ventorrillo (rúa Alcalde Salorio Suárez, 26).

Tras esta proba do Ventorrillo só faltará a derradeira carreira para dar por pechado o circuíto na súa décima edición. O último día de competición será o 26 de novembro coa carreira popular de Novo Mesoiro.

Horarios

  • 10.00 horas. Absoluta
  • 11.15 horas. Sub18 e Sub16
  • 11.30 horas. Sub14
  • 11.45 horas. Sub12
  • 11.55 horas. Sub10
  • 12.05 horas. Peques

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario