A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, denuncia a propaganda medioambiental Xunta demostrando a súa falla de compromiso na loita contra o cambio climático. Castro presentou unha pregunta oral en Comisión parlamentaria na que puxo ao goberno galego diante do espello do incumprimento dos seus propios orzamentos.
A responsable socialista presentou os datos de execución orzamentaria no primeiro semestre do ano, que veñen de ser presentados polo goberno galego, e que apuntan a unha execución de unicamente o 9,9 por cento na partida de Planificación e xestión hidrolóxica. Engadiu que tan só executaron un 7,7 por cento da partida de Eficiencia enerxética e enerxías renovables, e apenas un 11,2 por cento na partida relativa a Control ambiental e xestión de residuos.
Castro explicou que, no caso concreto da partida de xestión de residuos, ano tras ano deixan sen executar máis da metade dos seus compromisos orzamentarios, demostrando o seu desleixo e situando a Galicia “na cola” das comunidades autónomas na materia. Advertiu que a situación en xestión de residuos “ten moito que mellorar”, comezando polo desenvolvemento das recollidas a grandes xeradores ou na xestión da fracción orgánica dos residuos.
Advertiu que o goberno galego “ten a responsabilidade e a obriga legal de colaborar e auxiliar ás corporacións locais” para acadar un sistema eficiente de xestión de residuos ademais de desenvolver un plan de mellora das recollidas actuais. Tamén propuxo a mellora da implantación e funcionamento dos Puntos Limpos, e a actualización do modelo de xestión superando o obsoleto sistema de incineración de Sogama.