Acusa ao goberno galego de “converter a excepcionalidade en norma”, e que “lastra o benestar” dos maiores para darlle aos psiquiátricos unha “atención de pouca calidade”
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, cualificou hoxe de “aberración terapéutica” a decisión do goberno galego de ingresar nas residencias de maiores a persoas menores de 65 anos con patoloxías psiquiátricas. Ortega presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade na que alertou dos problemas que esta práctica provoca tanto nos maiores como nos pacientes psiquiátricos.
Ortega alertou de que a incompatibilidade dos coidados por unha parte lastra o benestar das persoas maiores, provocando problemas de convivencia e desmotivación do persoal. Pola outra banda, os enfermos con patoloxías psiquiátricas vense discriminados pola falla dun tratamento axeitado en instalacións que non están preparadas para atendelos, xa que requiren dun modelo terapéutico axeitado por equipos multidisciplinares que garantan un trato digno.
A responsable socialista citou ao Movemento Galego de Saúde Mental, que ten advertido que “non é a solución transferirlle á iniciativa privada a baixo prezo a atención a persoas afectadas por procesos psiquiátricos”, que teñen casuísticas alleas ás dos usuarios das residencias de maiores. Sinalou que “vai contra toda lóxica” a decisión do goberno galego de facer convivir ás persoas maiores por exemplo cunha persoa de 40 anos politoxicómana, como está a suceder.
Advertiu que a posibilidade destes ingresos figura como unha “excepción derivada dunha emerxencia social”, que o goberno galego está a “converter na norma”. Así o denuncia a Asociación Galega de Inspectores de Servizos Sociais, que advirten que 3 de cada 10 novos ingresos nas residencias corresponden precisamente a persoas que requiren de coidados psiquiátricos.
Ortega acusou á Consellería de Política Social de negarse a ofrecer os datos precisos da porcentaxe de persoas con patoloxías psiquiátricas ingresadas nas residencias maiores, o que “evidencia que está a pasar algo preocupante, porque suponse que terían que ser casos illados”.