A Asociación Cultural Os Penoucos de Valga e obaixoulla.gal colaboran na organización deste obradoiro no que queremos presentar as bases dun proxecto de investigación que pretende localizar, catalogar e documentar os palcos da música construídos en Galicia a partir da década dos 70, así como recoller as historias, memorias e relatos que circulan ao redor deles. Xeraremos un espazo de diálogo onde, a través dunha dinámica participativa, compartiremos coñecementos e experiencias sobre estas construcións, os seus usos sociais e as transformacións que tiveron ao longo do tempo. Achegarémonos á ferramenta de mapeamento dixital do proxecto para convidar ás participantes a colaborar na procura e identificación de palcos polo territorio galego.
Nesta ocasión será na Escola Unitaria de Xanza (Valga) o día 23 de Outubro ás 18:00 horas, xunto a un dos poucos palcos feitos na década dos 70 que aínda se conservan no Baixo Ulla. Teremos a ocasión de conversar sobre estas construcións espalladas polo noso territorio, dialogar sobre os seus usos, as súas transformacións e o seu valor social.
O grupo motor desta investigación constitúeo un conxunto de antropólogas e arqueólogas do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT, CSIC).