Besteiro: «Aquí está o Partido Socialista de Galicia, máis unido que nunca, preparando o cambio no noso país»

por Redacción Galicia

“O resultado das Primarias non é un éxito dunha soa persoa; é un éxito colectivo do socialismo galego”. Así, entre aplausos, comezou a súa intervención o candidato dos socialistas galegos á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, na xornada “Galicia, Horizonte 2030. Preparando o cambio” en Santiago de Compostela.

Acompañado pola vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Economía, Nadia Calviño; polo secretario xeral do PSdeG e polos alcaldes e alcaldesas de Vigo, A Corula, Lugo e Vilagarcía, Gómez Besteiro destacou que “aquí está o Partido Socialista de Galicia, máis unido ca nunca, deseñando o cambio no noso país” e puxo en valor a capacidade de xestión dos mandatarios que lle acompañaban no escenario: “Hoxe hai aquí máis política real e máis xestión útil para Galicia que en San Caetano nos últimos 14 anos” porque, remarcou, “gobernar é transformar, non administrar unha herdanza”.

Besteiro denunciou que a dereita escolle o ruído e a confrontación para tapar a súa incapacidade para captar recursos “e ni tan sequera é capaz de executar os que lle veñen dados”.  Isto, explicou, ten coma resultado “unha Galicia que vai a menos no económico, no social, no demográfico, no medioambiental…”. Hoxe, destacou, “temos claras dúas cousas: que a Xunta non pelexa por Galicia e que sufrimos un presidente que só aspira a ser o herdeiro. E Galicia merece algo máis”.

O deputado e membro da Comisión Negociadora do Goberno referiuse na súa intervención á Lei de Xestión do Litoral, “un problema creado polo Partido Popular que os socialistas galegos solucionaremos cando cheguemos á Presidencia da Xunta e coa garantía do importante: a seguridade xurídica da cadea mar-industria porque non se pode xogar co pan de 25.000 fogares como está a facer o PP”.

Besteiro falou de infraestructuras –“imos seguir camiñando cara a  a gratuidade da AP9 como está a pasar cos trens en Galicia”. Neste senso, sinalou que a próxima chegada dos AVRIL “é grazas aos socialistas” e apuntou o modelo de país que defende o PSdeG: “Industria con futuro que coide e respecte o territorio, que cree emprego de calidade, que sexa diferencial e competitiva dentro dun escenario de cambio climático”. Tamén apostou por unha política de vivenda pública “coas ferramentas que ofrece a nova lei estatal do Goberno de Pedro Sánchez” e por unha Galicia que adique o mesmo interese ás cidades e ó rural: “Non pode haber dúas Galicias a dúas velocidades, coma quere o PP”.

O reto demográfico, a atención sanitaria digna -hai que resetear a sanidade pública en Galicia-, o pulo que precisa a cultura son outros puntos salientables no discurso do candidato: “Temos que pelexar pola nosa identidade, pola nosa cultura, sentirnos orgullosos de ser galegos e presumir da nosa lingua, non sentila coma algo alleo ou ornamental como fai a dereita. É o noso ser, a nosa pedra angular”.

Por todo o antedito, Besteiro defendeu a necesidade de cambio, pero “un cambio valente e coherente no que se recoñezan a maioría das e dos galegos”. E para trasladarlle a toda a cidadanía todas estas propostas, anunciou que “é o momento de convocar nas próximas semanas a Conferencia Política que este país precisa”.

O candidato rematou a súa intervención sinalando “o cambio non vén, xa está aquí. É o noso momento!

Galicia merece máis

A vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño, presentou a Besteiro como “o próximo presidente da Xunta” porque, dixo, “Galicia merece máis”. Sinalou que o candidato socialista representa aos “líderes cunha visión clara do que queren para a súa terra” e están dispostos a “remangarse e traballar duro, cooperando lealmente para un obxectivo común”.

Apuntou que Gómez Besteiro forma parte “dese grupo de persoas honestas, sinceiras, boas de verdade”, e que ten demostrado na súa traxectoria que pode situar a Galicia “á cabeza dos cambios” de futuro. Defendeu un proxecto que sitúe á Comunidade Autónoma “liderando as oportunidades, atraendo talento con oportunidades de bo traballo e bos salarios”, que a sitúe á cabeza do desenvolvemento de España e Europa.

Mensaxe de esperanza

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinalou que o novo candidato ofrece unha “mensaxe de esperanza” a unha Galicia que “necesita ao PSdeG, e o PSdeG necesitaba a Besteiro”, polo que o partido sitúase “detrás de ti”. Así o apuntou sinalando ao político lugués, que representa os principios socialdemócratas, que defende “día a día, con honestidade, transparencia e compromiso”.

Formoso reivindicou o proceso de primarias que vén de rematar garantindo a lexitimidade democrática do candidato socialista que aspira a “revolucionar o país, con respecto ás tradicións e con humildade”. Así o garante a súa traxectoria de xestión tamén na súa presidencia da Deputación de Lugo, onde foi pioneiro na inclusión de cláusulas sociais nos contratos públicos e impulsou o modelo de residencias pública.s

Unidade

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, interveu no acto de hoxe, no que puxo en valor a “unidade” do PSdeG en torno á candidatura e ao liderado de Besteiro e sinalou que as próximas eleccións son “a crónica dunha vitoria anunciada” que o converterá en presidente da Xunta. Precedeuno a alcaldesa da Coruña, quen apelou á “épica” da súa figura, que volve á primeira fila logo dunha persecución inxusta para acadar o cambio político.

O alcalde de Vilagarcía e presidente da Fegamp, Alberto Varela, sinalou a Besteiro como o próximo presidente da Xunta “aliado dos concellos”, que traballe cóbado con cóbado coas administracións municipais e garanta o cumprimento do Pacto Local. Previamente, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, dixo que con esta xornada marca o inicio da conta atrás para o cambio liderado por Besteiro.

Etiquetas
Comparte éste artículo
1 Comment