Balseiro salienta uns Orzamentos «moi positivos para A Mariña» que supoñen unha «revolución» no ámbito social, sanitario e en materia de infraestruturas hidráulicas

por Redacción Lugo

O deputado mariñán do Partido Popular no Parlamento de Galicia, José Manuel Balseiro, cualifica de “moi positivos” os orzamentos da Xunta para o próximo exercicio 2023 no que respecta ao investimento territorializado; isto é, obras, servizos ou proxectos con destino concreto na nosa comarca.

Balseiro di que se trata dunhas contas que demostran a “sensibilidade e compromiso” do Goberno Rueda coa Mariña lucense e que suporán “toda unha revolución” polo seu marcado carácter social e polas iniciativas que prevé impulsar no ámbito sanitario ou en materia de infraestruturas hidráulicas.

Con todo, o parlamentario lembra tamén que ás inversións territorializadas hai que engadir o feito de que a Xunta é a administración que asume o financiamento para soster os principais servizos públicos: hospital, centros de saúde, colexios e institutos, e os salarios dos seus profesionais que, por certo, o ano próximo veranse incrementados co cumprimento das subas salariais pactadas.

“Co Goberno de Alfonso Rueda detrás dos datos veñen as máquinas, as obras e os investimentos” e, nese senso, quixo poñer en valor proxectos xa finalizados con cargo aos orzamentos de 2023 como a instalacións da resonancia magnética fixa no Hospital da Mariña ou do novo TAC, entre outras.

O deputado tamén destaca o feito de que os Orzamentos da Xunta sempre tiveron unha “escala ascendente na comarca” desde que en 2009 o PP accedeu ao Goberno da Xunta e inclúen un marcado compromiso co reequilibrio territorial xa que Lugo volve a ser a provincia galega con máis investimento por habitante.

NOVIDADES NO APOIO ÁS FAMILIAS, MAIORES E DEPENDENTES

Balseiro tamén explica a repercusión que na Mariña lucense terán importantes iniciativas coas que a Xunta demostra “ser consciente da complicada conxuntura económica e social para moitas familias” e, nese senso, sinala iniciativas como o Bono Coidados no Fogar ou o Bono Coidados en Residencia, que suporán un esforzo inversor do que se beneficiarán moitos veciños da Mariña.

O Goberno galego financiará un bono de 5.000 euros para as persoas con dependencia (grados 1, 2 e 3) que son coidadas nos seus domicilios, un complemento de 1.200 euros para apoiar aos que buscan unha residencia de preferencia e crearase un carne +65 con descontos para as persoas que superen esta idade, moi similar aos que xa se benefician os máis novos, o carné Xove.

PARTIDAS CON DESTINO CONCRETO

No marco dos proxectos máis importantes para A Mariña lucense, Balseiro salienta a consignación “unha ano máis” dunha partida que supera o millón de euros para seguir avanzando na ampliación do Hospital de Burela, “con mellores espazos e máis servizos ao coidado da saúde dos veciños da comarca”.

Hai tamén unha partida específica de 247.000 euros para os equipamentos da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña e están blindadas, con cargo a unha partida xenérica, os recursos dirixidos a construír o novo centro de saúde de Ribadeo.

No ano próximo destaca o especial esforzo que o Goberno galego prevé facer coa mobilización de máis de 10 M€ para apoiar aos concellos na mellora de diversas infraestruturas hidráulicas: Edar de Foz, Alfoz, Burela, Etap de Cervo-Burela ou o convenio para evitar inundacións en Viveiro.

Tamén hai previstas achegas no ámbito marítimo, cos máis de 4M€ en obras concretas, avanzados polo conselleiro Alfonso Villares, e partidas concretas para seguir xerando actividade económica e oportunidades de emprego vinculadas aos polígonos industriais, con partidas para os parques empresarias da Pontenova e Xove, con 440.000 e 252.000 euros nas contas autonómicas, respectivamente.

Nas contas do vindeiro ano, tamén se inclúe a VAC Costa Norte e melloras na vía LU-540 para o que se dispón dunha partida de 4 M€ e partidas plurianuais por importe de 20 M€ e para cuxo avance precisan que o Concello de Viveiro desbloquee a variante ao seu paso por este municipio.

CONSOLIDACIÓN DUN MODELO FISCAL

Xa en clave autonómica Balseiro explica que “nunca ninguén baixou tanto os impostos e nunca ninguén subiu tanto o investimento” en referencia á consolidación das rebaixas fiscais que recollen as contas autonómicas e o feito de que os orzamentos da Xunta para 2024 inclúen o maior gasto social da historia, invisten en estabilidade, reforzan os servizos públicos e pensan no futuro.

Balseiro explica que a Xunta continuará coa política de impostos cero no rural, que implica non ter que pagar tributos autonómicos pola transmisión ou agrupación de explotacións agrarias ou gandeiras situadas en terreos rústicos. En concreto o imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados estará bonificado nun 100%.

Tamén no ámbito fiscal se darán prioridade ás rendas medias e baixas e a determinados colectivos como os mozos e mozas menores de 36 anos; as familias numerosas; as persoas con discapacidade ou as vítimas de violencia de xénero. Os orzamentos do ano que vén consolidarán todas as rebaixas fiscais postas en marcha ata o momento.

Como novidades, na declaración do IRPF do ano 2024 as familias con dous fillos xa poderán deducir 250 €, dedución que ata agora tiñan as familias numerosas e que agora se duplica, ata os 500 €. Ademais, por cada fillo a maiores, a partir de tres, esta dedución, incrementarase noutros 250 €.

En canto ao Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP), o vindeiro ano rebáixase un punto o tipo xeral para a compra de inmobles usados (pasa do 9 % ao 8 %), que se suma a outro punto que xa se baixara no ano 2022; rebáixase máis da metade o ITP para a compra de vehículos usados (do 8 ao 3 %), e elimínase o imposto para as compras de vehículos cualificados de ‘baixas emisións’.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario