A reorganización de horarios, a instancias da inspección educativa, devolve a normalidade ás clases de Química no IES Lucus Augusti

Javier Arias confirma tamén a incorporación ao instituto lucense dun novo mestre especialista en Pedagoxía Terapéutica.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, confirmou que no IES Lucus Augusti, de Lugo, se imparten xa con normalidade as clases correspondentes ao departamento de FP de Química nos ciclos superior e modular de ‘Laboratorio de Análise e Control de Calidade’ e no ciclo medio de ‘Operacións Básicas de Laboratorio’, logo da reorganización de horarios levada a cabo pola dirección do centro a instancias da Inspección Educativa.

Queda así constatado -como se viña reiterando dende a Inspección- que o persoal docente do departamento de Química é suficiente para poder impartir tódalas materias e garantir a atención ao alumnado. “O único 
que se precisaba era facer un reparto correcto e equitativo dos módulos dos distintos ciclos entre o profesorado do departamento”, di Arias.

O delegado informou tamén da incorporación -este luns- ao instituto lucense dun novo mestre especializado en Pedagoxía Terapéutica, segundo estaba previsto dende o inicio do curso e atendendo á avaliación feita 
pola Inspección Educativa.

Doutra banda, Javier Arias explicou que está a rematar a instalación de dúas aulas móbiles no recinto exterior do IES Lucus Augusti, co fin de ir reubicando ao alumnado mentres duran as obras de rehabilitación 
integral que o Goberno galego está a executar no centro, cun investimento de 3,3 millóns de euros.

A colocación dos módulos exteriores comezou a semana pasada -unha vez retiradas as barracas do feiral do San Froilán que impedían acceder con eles ao recinto do centro educativo- e estanse a ultimar os traballos 
para dotalos dos distintos subministros, como iluminación e calefacción, co fin de conseguir unhas aulas confortables. A previsión é que estean plenamente operativas para poder dispoñer delas e acoller aos estudantes esta mesma semana.

Comparte éste artículo
No hay comentarios