Mar de Mares despide a súa décima edición coa clausura da exposición “A Coruña eterna”

A gran participación cidadá rexistrada consolida o festival como gran referencia no ámbito do coñecemento, a arte, o activismo, a gastronomía e o ocio vencellados aos océanos

O Festival Mar de Mares despediu a súa décima edición co peche da exposición A Coruña eterna. Historia visual I (desde hai 350.000 anos ata o século V), instalada no paseo da Mariña. En torno a 30.000 visitantes refrendan o éxito de convocatoria desta espectacular mostra, unha viaxe no tempo na que se recrea unha hipotética realidade da cidade da Coruña no pasado. Baseándose en datos topográficos e xeolóxicos do proxecto Estación Visual desenvolvido por Galaicos Visual, amosa impresionantes vistas dunha Coruña modelada en cada era histórica pola acción do mar. Así atopamos unha península asolagada pola subida de augas provocada polo desxeo, un pequeno núcleo de vivendas, unha enorme praia na zona do porto actual, as augas da baía sucada por barcos de vela ou a Torre de Hércules no seu estado orixinal sobre un enorme promontorio deserto. “Un escenario virtual real da cidade que podemos visitar desde o sofá da nosa casa” como sinalaba Enrique JP Cabarcos, comisario da mostra, no acto de apertura.

Mar de Mares celebrou este ano unha edición moi especial que acadou récord de asistencia nas numerosas e diversas actividades programadas, baixo o lema O mar é futuro. A gran participación cidadá rexistrada permite situar xa Mar de Mares como festival de referencia no campo do coñecemento dos ecosistemas mariños, así como nos do activismo medioambiental e a gastronomía e o ocio sostibles relacionados co mar. “Celebramos a espectacular acollida en todas as edicións pero en especial neste ano, o que demostra o interese da sociedade en coñecer os nosos océanos, coidalos e avanzar nunha relación máis amable co mar”, subliña Silvia Oviaño, directora artística do festival, que fai fincapé tamén na gratitude tanto á cidadanía pola súa resposta como ás institucións e empresas que tanto se implicaron na colaboraron para facer posible o excelente percorrido do festival. “Sen todos eles Mar de Mares non sería o que é hoxe”, remarca.

Mar de Mares abrangueu este ano 40 eventos -entre encontros inspiradores, exposicións, a estrea do I Foro Mar de Mares, ecoturismo, accións medioambientais, obradoiros gastronómicos, concertos e proxeccións de cine- e os numerosos relatores e especialistas que participaron nos encontros divulgativos e ponencias. Todas as actividades contaron cunha gran acollida por parte do público, esgotando as prazas en moi pouco tempo e con longas listas de espera.

Como todos os anos, o Festival inaugurouse coa visita á poxa da Lonxa e o almorzo mariñeiro, e destacou a estrea do I Foro Mar de Mares, que sentou unha boa base no seu primeiro ano para futuras edicións cunha gran acollida por parte do público. A IV Gran Limpeza de Fondos Mariños Signus, que se desenvolveu na contorna do Castelo de San Antón, foi de novo unha das accións máis espectaculares, con 130 mergulladores e voluntarios en terra que lograron retirar preto de tres toneladas de residuos. O Mercado Mar de Mares, que se instalou na explanada do Parrote, congregou a máis de 10.000 visitantes que aproveitaron o bo tempo para achegarse a degustar produtos mariñeiros de proximidade, a mercar artesanía ou participar nos encontros gastronómicos e showcookings.

Tamém os encontros inspiradores rexistraron cheo de público, con grandes divulgadores como o explorador e naturalista Nacho Dean, investigadores do CSIC como Fernando Valladares, expertas do mar e as redes sociais como a mariñeira María Maceiras e a mariscadora María Louro, ou Carmen Huidobro e Belén Hinojar, máis coñecidas como Climabar, abordando o cambio climático cunha boa dose de humor.

A celebración do festival, organizado pola asociación Redes de Sal, foi posible grazas tamén ao apoio institucional do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia así como de moitas outras entidades colaboradoras, entre as que están Estrella Galicia, Vegalsa-Eroski, Cátedra Emalcsa da UDC, Signus, Abanca, Afundación e Renfe.  Avalado ademais por un sinal de calidade nas súas propostas e contidos en sucesivas edicións, asinados por grandes referentes na divulgación como a Década dos Océanos da ONU, os World Press Photo, National Geographic, a BBC ou o CSIC.

Comparte éste artículo
No hay comentarios