Pingueiras na cuberta que inhabilitaron até 200 butacas. Esa é a máxima expresión até agora das deficiencias que presenta o Pazo da Ópera, mal estado de conservación que leva a concelleira do BNG Mercedes Queixas a rexistrar un feixe de preguntas por escrito ao Goberno Local
Entre outras cousas, Queixas quere saber desde cando é coñecedor o Goberno Local “das importantes deficiencias” do Pazo da Ópera e se lle vai esixir á concesionaria desta infraestrutura cultural o seu arranxo inmediato, tendo en conta que o mal estado do edificio ten como consecuencia a redución da súa capacidade ao inhabilitar centos de butacas e mesmo condiciona a programación de actividades no recinto.
“Que alternativas se vai activar para as persoas aboadas que non poden dispor da súa butaca?”, cuestiona Queixas, quen se interesa por saber cando se van realizar “as obras necesarias para resolver as deficiencias” e quen vai asumir o seu custo.
A concelleira conclúe que “o mal estado de conservación e mantemento das infraestruturas culturais da cidade da Coruña, quer de xestión directa desde o concello quer concesionadas a empresas privadas, é unha evidencia que pode confirmar a veciñanza desde hai tempo”.