Dende o Comité de Folga de Bombeiros Comarcais de Galicia, gústanos comprobar que Xunta e Deputacións continúan mantendo contacto entre elas, tal e como se comprobou no comunicado que sacaron conxuntamente coa Federación Galega de Municipios e Provincias.
Sorpréndenos como con un actor máis (FEGAMP), son quen de organizarse para dar unha resposta conxunta, coordinada e simultánea a todos os medios de comunicación e colgalo nas súas páxinas corporativas, para condenar a actuación do Colectivo de Bombeiros o pasado luns en Ourense, en menos de 24 horas.
Sorpréndenos porque dende o 13 xullo que se lle entregou pola nosa banda unha proposta de condicións de traballo para resolver o conflito, aínda non deron unha resposta valorándoa logo xa de máis de 100 días.
Sorpréndenos que despois de que Xunta e Deputacións se negaran a asistir á reunión que estaba axendada con nós para o pasado luns 9 de outubro (avisándonos disto por email na noite do domingo día 8), aínda non nos teñan convocado para unha nova xuntanza. Máis cando as súas alegacións eran que non tiñan aínda a valoración técnica da nosa proposta (dende o 13 de xullo), e que cando a tiveran nos convocarían novamente.
Os bombeiros somos quenes convocamos ás Administracións a falar, e elas, logo de cancelar o último encontro axendado, comprometéronse a fixar unha nova data cando tiveran elaborados os informes que tiñan que ter aportado xa na reunión do pasado día 9. É insultante que nos insten á vía do diálogo cando esa vía leva aberta anos de xeito infrutífero para calquera tipo de mellora da parte social, e aínda así continuamos mantendo a fe nela.
Tamén nos sorprende que tachen ao colectivo de Bombeiros Comarcais practicamente de delincuentes, cando levamos anos calando as nosas miserias, facendo o imposible por prestar un servizo que nos preocupa claramente máis a nós que a eles. Un colectivo de persoas, pais a meirande parte, que desesperados pola situación que atravesan están dispostos a calquera cousa polos seus fillos. O risco de levar uns paus ou rematar arrestado nun altercado policial non é nada comparado co risco que pasamos nas emerxencias que atendemos por mor da falta de persoal. E é triste que teña que catalogarse a uns profesionais non polo que fan no seu traballo no día a día senón polo que fan para reclamar unha mellora de condicións que os iguale polo baixo ao estándar da profesión.
No único que concordamos co comunicado das administracións é en que a Policía fixo un traballo exemplar. Certo que como en todas partes sempre hai algún elemento discordante (tanto dun lado como do outro) pero a actuación policial, sobre todo máis aló dos 30 segundos de carga que se viralizaron, foi exemplar.
Respecto dos nosos gobernantes, comprobando que o de fóra sempre parece mellor, instámolos a que miren para fóra unha vez máis e vexan aos outros 20.000 bombeiros, por ver se queren copiar ideas no tocante a condicións de traballo.