Sumar Galicia. «A Xunta e ás catro Deputacións provinciais que retomen as negociacións cos Bombeiros Comarcais»

por Redacción Galicia

A deputada de Sumar Galicia, Verónica Martínez Barbero, mantivo un encontro co Comité de Folga que representa ao colectivo de Bombeiros Comarcais de Galicia en Santiago de Compostela o martes 24 de outubro.

“Fai anos arrancou un camiño positivo dende as institucións públicas para o cambio á xestión directa deste importantísimo servizo público, auspiciado por un acordo acadado no Consello Galego de Relacións Laborais”, recordou a deputada, que daquela ocupaba precisamente o cargo de Presidenta do dito organismo autónomo.

Martínez Barbero lamentou a anulación sine die da xuntanza comprometida entre as partes fai máis de dúas semanas e lembrou que o cambio no modelo de xestión sempre tivo tres obxectivos claros: a eficiencia económica, a mellora do servizo e unhas condicións de traballo mais xustas para os bombeiros.

“A Inspección de Traballo e Seguridade Social está afirmando que as dotacións de bombeiros son insuficientes para desenvolver de forma axeitada os protocolos de extinción, pero, ademais, a dita infradotación de persoal entraña un gravísimo problema de prevención de riscos laborais para os bombeiros”.

“Os conflitos laborais so poden ser solucionados con vontade das dúas partes involucradas. As administracións públicas, a Xunta e as Deputacións, deben deixar de xogar ao cansazo dos bombeiros. Esa actitude é irresponsable e dun orgullo incomprensible en xestores públicos. Non trae máis que consecuencias negativas para o servizo público e para a imaxe dos Consorcios”, lamentou a deputada, que reclamou “a volta a mesa de negociación, como única estratexia viable para quen de verdade queira recuperar a paz nun servizo transcendental para Galicia”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario