O coro de música moderna integrado exclusivamente por mulleres celebra a súa traxectoria o 4 de traxectoria no Teatro Colón
Sisters in the House celebran os seus 15 anos de traxectoria ao grande. O coro de música moderna integrado exclusivamente por mulleres, creado na Coruña en 2008, ofrecerá un espectáculo único o 4 de novembro ás 20:30 no Teatro Colón para conmemorar os seus tres lustros sobre os escenarios.
Para a actuación, as Sisters cantarán por primeira vez acompañadas por unha banda ao vivo, formada por Alan Ponte á guitarra, Rubén Appratto ao baixo e Bruno Couceiro á batería, que se sumarán ao piano da súa directora, Carmen Rey. Ademais, contarán con invitados de luxo como Xurxo Fernandes, Guadi Galego e Nova Galega de Danza.
O concerto intercalará algúns dos clásicos das Sisters con cancións novas, sempre con arranxos exclusivos asinados por Carmen Rey. Cos aromas soul e a música moderna como ingredientes clave das receitas, as Sisters revisan tanto clásicos da música afroamericana como pezas de musicais, temas populares galegos ou cancións con aires funky para transformalos en versións sorprendentes co característico estilo marca da casa. Forza e delicadeza, enerxía e emoción, diversidade e sororidade definen ao coro e ao espectáculo co que saudarán o camiño andado e a nova etapa que comezan.
As entradas -están vendidas máis da metade-, a 15 euros, poden adquirirse no despacho da praza de Ourense e en ataquilla.com.