A Bela Auria reaparece na 3ª fin de semana de PEDRA recuperando dúas das súas actividades máis emblemáticas: os contacontos e o cinema musicado en directo
A Bela Auria, así chamaba don Ramón Otero Pedrayo a Ourense e de aí provén o nome da festa histórica que deu comezo no ano 2010.
A Bela Auria reaparecerá esta fin de semana no pazo de Trasalba, sede da Fundación Otero Pedrayo, cun programa pequeno e enfocado aos máis cativos, pero con moita chicha.
O día arrincará con Uxía Morán, ás 12:00 da mañá comezará unha contada de contos que, como xa é costume na actriz ourensá, terá como base a literatura infantil en galego. A sesión de contacontos leva o título de ‘Conta co Teatro’
A rematar Uxía, por volta das 12:45, teremos unha oportunidade única para gozar dun novo clásico musicado, «Vida de Can (A Dog’s Life)» de Charles Chaplin, coa música en directo da talentosa pianista Irma Fernández.
Animamos a non perder esta experiencia inesquecible. Unha combinación perfecta de risas, emocións e maxia musical.
O evento rematará por volta das 13:30. Todas as actividades realizaranse no auditorio da Fundación e serán de balde.
A Bela Auria Pequeniña nace coa vontade de perdurar no tempo en Trasalba e ir acrecentando a súa proposta cultural ano tras ano.