A xunta de persoal da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, constituída polos delegados de CCOO, CIG e delegados de zona (CCOO, CIG e SATSE), denuncian que tras reunión coa dirección da ADOS, non se está a aplicar o Acordo de melloras retributivas e de xornada para todo o persoal do Sergas, asinado o 20 de abril de 2023.
A xunta de persoal entende que isto supón unha discriminación do persoal estatutario da Axencia en relación ao resto do persoal estatutario do SERGAS ou do 061, e demanda da dirección da ADOS a obrigatoriedade de aplicar todas as melloras previstas nese acordo. Entenden que o persoal non se pode ver discriminado na súa aplicación polo diferente modelo organizativo ou de xestión que a Consellería teña decidido para esta entidade.
Porén, a resposta da dirección de ADOS foi remitir os sindicatos aos servizos centrais. Debido a isto, os sindicatos instaron os servizos centrais a aplicaren de forma inmediata o acordo retributivo pactado. De non ser así, “verémonos obrigados a adoptar medidas máis drásticas”, sinalan.