As proxecións terán lugar desde este xoves 26 ata o sábado 28, sempre ás 20,00 horas, e haberá coloquios con protagonistas e membros do equipo dos filmes
A cidade da Coruña convértese esta semana na capital mundial da música, coa celebración do WOMEX (Worldwide Music Expo), o encontro da industria musical máis grande do mundo. Hai máis de 3.000 profesionais chegados de todo o mundo, que asistirán á descuberta de novas músicas, artistas emerxentes, coloquios e encontros profesionais.
Pero ademáis dos numerosos encontros profesionais e a extensa programación de showcases musicais, o WOMEX tamén acollerá o Womex Film Programme, un ciclo de cinema que contará con tres estreas, unha estrea mundial absloluta e dous filmes que se proxectarán por vez primeira en Galicia.
O Womex fixo unha escolla de filmes utilizando as liñas de discurso desta edición, onde se trata de visibilizar a música das minorías étnicas e comunidades indíxenas, así como analizar as músicas emerxentes da diáspora.
Este xoves, 26 de outubro, a programación de cinema cometa coa proxeción de La Singla, estrea en Galicia deste filme de Paloma Zapata, que ven de proxectarse no Festival de San Sebastián, e chegará aos cinemas no mes de novembro. Unha historia apasionante sobre Antonia Singla, unha bailaora xorda que nos anos 60, con só 17 anos, revolucionou o mundo do flamenco malia non poder escoitar a música. Antes de cumprir 30 anos, La Singla desapareceu sen deixar rastro e o filme indaga na misteriosa peripecia vital desta artista. O filme contará coa presenza de Iñaki Gorraiz, director de fotografía do mesmo.
Outra das estreas terá lugar o venres, 27 de outubro, co filme Kite Zo (Deixa os osos), do director iraní-canadiano Kaveh Nabatian, tamén magnífico trompetista, gañador do Premio Juno coa súa banda Bell Orchestra. Nabatian gosta de explorar artistas de minorías nas marxes da sociedade, en países e culturas de todo o mundo. Nesta ocasión Kite Zo A (Deixa os osos), é un filme sensorial sobre os rituais en Haití, desde antigos ata modernos, feito en colaboración con poetas, bailaríns, músicos, pescadores ou sacerdotes de vudú, a partir da poesía do autor haitiano Wood-Jerry Gabriel.
Finalmente, o sábado, 28 de outubro, terá lugar a estrea mundial de Ethiopiques Magnietic Suite, de Stéphane Jourdan. O filme ten como protagonista ao lexendario Francis Falceto, un referente pola súa marca na cultura underground francesa. Nos anos 80, na cidade de Poitiers, Falceto creou con outros colegas a asociación L´Oreille est Hardie (A orella é atrevida), ao mesmo tempo que descubriu casualmente un disco que lle abriría outro capítulo importante na súa vida: converterse nun referente da música etíope. O propio protagonista, Francis Falceto e o corpodutor Thomas Bouet, de Quant TV, estarán presentes para conversar co público.
Todos os filmes terán lugar ás 20,00 horas na Filmoteca de Galicia, na Rúa Durán Loriga na Coruña. Os tickets para acceder aos filmes poden mercarse antes das proxecións na billetera da Filmoteca ou en www.womex-festival.com, onde tamén se pode consultar as fichas dos filmes e a programación completa de todos os concertos do WOMEX.