Iria Castro e Aurelia Balseiro remarcaron que «Lugo salda unha débeda histórica cun pintor universal»
Onte inaugurouse no Provincial de Lugo a Sala Monográfica Tino Grandío. A deputada de Cultura Iria Castro, a directora do Museo Aurelia Balseiro e a familia do pintor participaron no acto de apertura oficial deste espazo monográfico – a sala 13- no que se se expoñen as obras máis representativas do pintor lucense.
A sala, renovada e acondicionada como espazo monográfico, amplía as obras de Tino Grandío expostas ao público, amosando algunhas das últimas incorporacións á colección de fondos do Museo, depositadas pola familia.
Ata o de agora, tan só estaban expostos en diferentes espazos do Museo cinco cadros do pintor, Virxe dos Ollos Grandes, procedente do Colexio Fingoi, Retrato da miña nai, O cazador, Feira de burros e Cura de aldea con fregueses, doados os catro no seu día por José Fernández López, un dos máis importantes benfeitores do museo.
Nos últimos anos, o Museo incrementou a colección grazas aos depósitos efectuados por familiares do artista. O primeiro deles en marzo do ano 2013, o de Branca Grandío Rodríguez e Ana María Isabel Codesal, sobriñas do pintor, e máis recentemente, en maio deste ano, o depósito Figueroa, Codesal, Grandío.
Na actualidade a colección Tino Grandío do Museo Provincial está composta por un total de 29 cadros, entre debuxos e pinturas, das cales 16 se amosan na recén inaugurada sala monográfica, mostrando as diferentes etapas e mesmo apreciar a evolución técnica e artística do pintor.
Na inaguración, a deputada de Cultura Iria Castro “agradeceu a xenerosidade da familia” de Tino Grandío e remarcou que “coa apertura desta sala monográfica, Lugo salda unha débeda histórica con Tino Grandío, un artista que sempre mantivo Galiza nas súas creacións, sen importar a distancia xeográfica. Hoxe saldamos esa débeda coa súa arte e a súa memoria”
Aurelia Balseiro explicou que “a sala monográfica converte ao Museo Provincial de Lugo nun lugar de referencia imprescindible para quen desexe contemplar, admirar, estudar e valorar a arte deste pintor universal” e valorou “os traballos de remodelación, acondicionamento e renovación museográfica desenvolvidos polo persoal do Museo para a inauguración deste espazo”
Tino Grandío
Constantino Grandío López naceu en Lousada, Guntín, Lugo, o día 1 de decembro de 1924 e morreu en Lugo o 23 de abril de 1977. Que sendo mozo puxéronse de manifesto as súas inquedanzas artísticas y que en 1951 recibiu unha pensión da Deputación de Lugo, o que facilitou a súa estancia en Madrid, onde estableceu a súa residencia. Na capital adicouse á pintura, aproximouse ás vangardas e relacionouse con importantes artistas e personaxes do momento. Con todo, Galicia permaneceu na súa obra, sempre de maneira obvia ou no fondo das súas creacións.
Grandío desprazouse entre a figuración e a abstracción a procura da singular linguaxe pictórica, aparentemente sinxela ou esencial, que o caracteriza e fai que a súa obra sexa ben recoñecible.
Nesa evolución pérdense as liñas do debuxo e os contornos das figuras fúndense para dar paso ao predominio da mancha. A materia, tan evidente nas primeiras obras, perde forza ata ser substituída por texturas suaves. E aos poucos prodúcese o abandono da cor saturada, propio das composicións costumistas das primeiras etapas da súa traxectoria, cara a madurez do seu traballo caracterizado polo manexo dos grises ricos en tonalidades e matices.
Fotografía. Iria Castro, Aurelia Balseiro e Cristina López xunto a familiares de Tino Grandío: Rosendo Figueroa, Ana Figueroa e Blanca Grandío.