A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou na XV Tasca do Liño que, co apoio da Deputación de Lugo, celebrouse no Campo da Festa de San Bartolomé de Insua, en Vilalba. No acto inaugural tamén participaron a Alcaldesa da capital chairega, Marta Rouco; a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua, Lourdes Otero Mato, e a secretaria da entidade, Miriam Fernández Otero.
Morandeira felicitou ao colectivo vilalbés polo traballo nesta cita, que cumpre 15 anos como un referente na provincia de Lugo e que constitúe “un encontro coa tradición e coa historia, que busca recuperar o pasado como elemento para seguir impulsando o desenvolvemento do noso rural, algo esencial na provincia de Lugo, na que o rural ocupa gran parte do territorio”.
Unha cita que, en palabras da Deputada, “demostra que o noso rural é rico porque, dunha herba como é o liño, pódese sacar un fío para vestir as casas e ás familias. Unha tradición que se facía cando remataba o traballo no campo e que co frío do inverno se dedicaban a fiar, un acto tamén social, coma este”.
A Tasca do Liño de Insua revive e divulga a historia téxtil da Terra Chá e dignifica este oficio grazas a o traballo de recuperación que desenvolve o colectivo organizador, un obxectivo, destacou Marisol Morandeira, “que compartimos na Deputación de Lugo, onde traballamos por poñer en valor as nosas tradicións e a nosa cultura, como ferramenta para avanzar cara un mellor futuro.”
Nese sentido, incidiu en que a Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua contará co apoio da Deputación de Lugo porque esta xornada “serve para facer comunidade, para coidar todo o noso legado cultural e, ademais, contribúe á promoción do rural”.
O escritor Mario Outeiro foi o encargado de pregoar a cita, que incluíu obradoiros de artesanía, actuacións musicais e demostracións da Tasca de Liño. A xornada rematou co conxuro da Queimada a cargo de Manuel Ferreiro.