Desde o Concello de Dumbría traemos á Costa da Morte unha nova disciplina deportiva: o mushing. E facémolo cunha proba puntuable para a Copa de España de Mushing Terra.
Presentouse nas instalacións deportivas do Conco un novo evento deportivo de carácter nacional organizado polo Concello de Dumbría e o Club Alejandro Gómez.
Trátase dunha proba de mushing, un deporte único que combina natureza, paixón polos animais e esforzo humano. É un deporte de equipo, onde o binomio can-humano traballa coma un único compoñente nun entorno natural e co máximo respecto aos animais.
Chega a Dumbría como parte da aposta que este Concello leva facendo ao longo de moitos anos pola diversificación da oferta deportiva na Costa da Morte.
Este I Copa de España Mushing Concello de Dumbría levarase a cabo os días 9 e 10 de decembro de 2023, en horario de mañá, nos montes da parroquia dumbriesa de Buxantes.
As persoas que desexen achegarse para ver a proba e gozar deste espectáculo, que traerá a Dumbría a máis de 200 deportistas chegados de toda España, deberán madrugar, xa que as competicións comezarán ás 8:30 h da mañá debido a que os cans, os protagonistas deste deporte, deben correr con temperaturas inferiores aos 16oC
Será unha proba na que se poderá desfrutar de todas as disciplinas encadradas no mushing terra.
- Modalidade Dr8, Dr6, Dr4 (modalidade na que o deportista vai unido cun vehículo con tiros de 8, 6, e 4 cans)
- Seguido do Bikejoring (o deportista vai en bicicleta unido cunha liña de tiro con 1 can)
- Ds2 (o deportista vai en patín cunha liña dobre unida con 2 cans)
- Ds1 (o deportista vai unido cunha liña de tiro con 1 can)
- Canicross (onde o deportista vai cun cinto e liña de tiro co seu can)
Unha vez máis, apostamos polo deporte como vehículo que contribúe a poñer en valor o noso territorio, como promotor turístico e motor económico da comarca.
Máis de 200 deportistas acompañados/as dos seus equipos, o que significa que se achegarán ata a comarca unhas 600 persoas, que virán ao noso territorio no mes de decembro, e que permanecerán aquí varios días, xa que aproveitarán para coñecer toda a zona, en plena tempada de baixa ocupación hostaleira, o que implica un gran apoio para o sector.
Raúl González, alcalde de Dumbría: “Desde o Concello de Dumbría apostamos pola promoción do deporte coma vehículo de desenvolvemento territorial; innovando ano tras ano e achegando á veciñanza a maior variedade posible de disciplinas, procurando, ao mesmo tempo, a promoción da saúde da poboación”.
Paula Hernández, presidenta do Club Alejandro Gómez: “Para o club supón un gran reto a organización desta proba da Copa de España. Conxuntamente co Concello de Dumbría, agardamos colocar este territorio no mapa do mushing a nivel nacional.
Contar cun concello que aposte por un deporte máis descoñecido, coma o noso, é un auténtico privilexio”.Miguel Beiro, deportista do Club Alejandro Gómez: “A proba de Dumbría será diferente ao resto das da Copa de España, polas características do circuíto. Temos un trazado divertido, movido e innovador. Seguro que non vai defraudar
DATAS: 9 e 10 de decembro
PARTICIPANTES: Máis de 200 deportistas acompañados dos seus equipos