PP de Sarria. ¿Que esconde o alcalde que non facilita os datos solicitados sobre o matadoiro municipal?

por Redacción Lugo

O Grupo Municipal Popular de Sarria condena que “o alcalde faga alarde de transparencia en relación á situación do matadoiro municipal, pero peque de todo o contrario” tendo en conta que “aínda non nos facilitou os datos solicitados”. Así, “o Grupo Municipal Popular solicitará a execución do acto administrativo” porque, unha vez excedido o prazo para responder, considérase aceptada a solicitude por silencio positivo.

A voceira, Carmen José López, sinala que “estamos á expectativa do que sucederá na reunión da Comisión de Investigación polo burato nas contas do matadoiro municipal que se celebrará este luns, sen que nos teñan facilitado a documentación que pedimos en relación aos exercicios 2019, 2020, 2021 e 2022”: gastos e ingresos, listado de albaráns e facturas, número de sacrificios por especies de vacún, porcino, ovino e caprino e detalle dos importes ingresados nas arcas municipais incluíndo a data do servizo.

Os populares consideran “lamentable” a escenificación que fixo o alcalde no pleno sobre o matadoiro con tacos de documentación que nin sequera sabemos o que contiñan”. Nese sentido, inciden en que “queremos que nos aclare os datos e saber se a falta de ingresos se estende ao porcino e resto de especies; algo que no seu día negou, pero que segue sen aclarar con cifras”, insisten.

A voceira explica que, “ata o momento, a actuación do alcalde non facilitou aclarar a situación”. Segundo lembra, “no pleno monográfico do matadoiro nin sequera deixou intervir á concelleira responsable”. De feito, “negoulle a palabra cando quixo falar”. Por outra parte, “comprometérase co resto de grupos a tratar o informe de tesourería no último pleno, pero non o incluíu na orde do día”.

MOITO DIÑEIRO DE TÓDOLOS VECIÑOS

López subliña que “tarde ou cedo o alcalde vai ter que aclarar a situación” porque “é moito diñeiro de todos os sarriaos e, como representantes políticos, non podemos aceptar que o alcalde pretenda pasar de perfil por este asunto».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario