A área de Cultura organiza 7 actividades culturais con contidos para diversos públicos que terán lugar entre o 5 de novembro e o 3 de decembro
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a programación teatral que terá lugar no Auditorio Municipal durante o resto do 2023. Maite Ferreiro explicou que «en total son 7 propostas, para distintos públicos, con actuacións de grupos de teatro de recoñecida calidade que conseguiron distintos premios».
«Quixemos poñer o foco nas producións de artes escénicas de mellor calidade feitas na Galiza, que serán o fío condutor da programación, e contaremos tamén con obras internacionais de calidade contrastada», explicou Maite Ferreiro, que engadiu «esta programación está pensada para o deleite das amantes do teatro e para facilitar un achegamento a esta arte por primeira vez».
A programación inclúe un total de 4 propostas para público adulto e 2 para familias. Para acceder ao recinto será preciso adquirir entrada no portal entradaslugo.es ou de maneira presencial na oficina municipal de turismo, cun prezo de 5€ nas actividades para público adulto e 3 nas actividades familiares. Ademais, as persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG terán un desconto do 30% nas actividades para público adulto.
Programación teatral segundo semestre 2023
5 novembro. 18.30h. «Full House» de Eléctrico 28.
Sinopse:
Full House é unha fábula moderna sobre a convivencia en vivendas urbanas. Aborda un tema universal e pensouse coma unha estrategia de apoio á superación das diferenzas culturais e de outro tipo. Sen texto e a través do teatro físico e a música en vivo, Full House conta a historia dos veciños; Koala, Can e Cabalo que viven porta con porta, tan atarefados con eles mesmos que non se decatan das necesidades dos outros. A guinda do pastel chega cando Tigre trasládase á comunidade coma un novo inquilino.
Duración: 50 minutos.
Idade recomendada: A partir de 4 anos.
11 novembro. 20.30h. «Los protegidos» de Teatro Mosca. Preestrea mundial en sinergia coa programación Atopémonos bailando.
Sinopse
«Os Protegidos», un texto inédito de Elfriede Jelinek, premio Nobel de Literatura no 2004, baseado nun feito real -na presenza en territorio austríaco, a finais de 2012, de preto de 100 refuxiados de diversas nacionalidades e en busca de asilo-, trata ao xeito cabaleiro, covarde e inadmisible como entende o Estado austríaco para tratar este tráxico incidente, e o furor inmediato e simultáneo de grupos de extrema dereita respecto da presenza en Viena deste grupo de estranxeiros. En esencia, o autor realizou unha exposición dos procesos corruptores que empregan os poderosos do mundo, facendo valer a súa influencia xunto con outros, e para conseguir beneficios que doutro xeito non terían.
Duración: 70 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 16 anos.
16 novembro. «3 Vellas na romaría» de Producións Excéntricas.
Sinopse:
Tres dos mellores narradores da escea internacional xuntos falando das súas musas, as súas vellas. Cada función é diferente, única; algunas vellas repiten, outras non, aparecen e desaparecen da memoria colectiva na maior e mais antiga expresión teatral: a narración oral. O espectáculo da palabra viva, ou mellor, resucitada nas falas de Celso Sanmartín, José Luis Gutierrez e Quico Cadaval. 3 vellas na romaría busca nas memorias das devanceiras os dias gloriosos de romarias e festas, os bailes, os milagres, as devocións, os exorcismos as empanadas e os melindres, o viño novo e a caña brava…
Duración: 90 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 13 anos.
19 novembro. 18.30h. «Solo» de Cia. Roi Borrallas.
Sinopse:
O hábitat natural de calquer paiaso é a escena, co seu público. Pero qué pasa cando queda só? É no camerino onde se misturan a persoa e personaxe. Onde se desdibuxa a líña que os separa. Un limbo que non é o escenario nin a vida real. É nesa fronteira onde ten lugar este espectáculo…
Pasen e vexan a trastenda deste artista, as súas ideas e tolerías. Vexan como se defende da soidade e a rutina con imaxinación e humor.
Pasen e vexan o que ninguén ve. Unha persoa ante sí mesma. Un actor sen público, un paiaso cando ninguén o observa.
Duración: 45 minutos.
Idade recomendada: Todos os públicos.
23 Novembro. 20.30h. «Hai quen escolle os camiños máis longos» de Berrobambán.
Sinopse:
Nesta historia hai tres mulleres: unha nena, unha raíña que foi nena e unha bruxa que foi nena e que foi raíña. Tamén hai un lobo, e un bosque. Ten que haber un bosque no que buscar refuxio cando foxes da fame, de calquera tipo de fame, ou do perigo. Cómpre lembralo. Se non hai bosque, non hai camiños nos que perdernos e atoparnos despois. Cada unha desas tres mulleres escolle un camiño e vaise cruzando coas outras, tamén co lobo, e co lume, pero elas son fortes, saben arriscar, xogan co tempo ás agachadas e gañan, sempre gañan..
Duración: 50 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 14 anos.
30 de Novembro. 20.30h. «Conexión Pingüín» de Culturactiva.
Sinopse:
Unha reflexión cómica, en dous tempos, a dúas voces, sobre a incomunicación na era da comunicación, nunha posta en escena que mestura neve polar, móbiles de última xeración, pingüíns no horizonte, mamá non se enteira, cordas enredadas, un mapa, un compás, un GPS, … Conexión Pingüín é unha comedia que quere falar da incomunicación entre os seres humanos. Este mal fai estragos todo os días e a todas horas, na casa, coa familia, no tráfico, no traballo… Estamos na súper era tecnolóxica, da conexión inmediata, da telecomunicación, mais nunca estivemos tan lonxe entre as persoas.
Duración: 70 minutos.
Idade recomendada: A partir de 14 anos.
3 de decembro. 17h e 18.30h «La serpillère de Mr MUTT» de MA Compagnie-Marc Lacourt.
Sinopse:
Marc Lacourt disfruta armando historias que dan vida aos obxectos. Fainos sair do seu agocho, dun armario ou dunha caixa para mostrar todas as súas aristas. Algúns fanse a un lado, esbozan unha danza e baixo os focos convírtense en estrelas da pista. La serpillére de Monsieur MUTT convídanos a seguir o rastro da historia da arte, da delicadez do xesto e o pracer da danza coa complicidade dos nenos e nenas.
Duración: 35 minutos.
Idade recomendada: A partir de 4 anos.